Ponteceso na Rede

500P: Portal aberto de Ponteceso

Tendo en conta que Internet ten cada día máis presencia nas casas e negocios do concello, decidimos coa axuda de Presencia en la red crear un portal que aglutinara todo tipo de información relativa a Ponteceso: novas, actividades, historia, imaxes, deportes, establecementos, etc. Para fomenta-la participación activa dos veciños, habilitouse unha sección {Colabore} dende a que calquera se pode rexistrar de balde no sitio para publicar novas, artigos de opinión, historias, imaxes ou mesmo vídeos previo aviso. Tamén é posible opinar sobre as novas sen necesidade de rexistro.

Ademáis, nas dúas semanas de vida do portal, enviáronse específicamente as seguintes invitacións para tomar parte activa ou colaborar co noso sitio:

  • Ó concello: en vista de que sitio web do concello está en estado de ruinoso abandono, enviamos cadanseu correo electrónico ás distintas áreas do mesmo invitándoos a incluírnos nos envíos dos seus comunicados de prensa e iniciativas. Por unha banda, moitas das casillas de correo non estaban operativas e pola outra, malia ter visto en prensa informacións citando como fonte o concello, dende este portal non tivemos a honra de recibir pola súa banda ningún tipo de información ou comunicado a día de hoxe. Resultado: as novas referentes a obras e iniciativas do concello só se publican cando nos enteramos por outros medios.
  • Ós diferentes grupos políticos: contactamos co responsable do Bloque por medio da bitácora que habilitaron para a campaña electoral e non obtivemos resposta. Tamén tentamos contactar co PSOE local requerindo por medio do sitio web do PSdeG algunha dirección de correo electrónico ou teléfono. Tampouco nos deron resposta. Resultado: as iniciativas ou queixas da oposición non son publicadas.
  • A diferentes colectivos ou institucións do concello:
    • AVV Eduardo Pondal: por medio do formulario de contacto do seu sitio invitámolos a publicar en 500P o que estimasen oportuno relativo á súa asociación e actividades. Non respostaron.
    • AC Monte Branco: a información na súa web está obsoleta, con datos de 2001, e non facilitan ningún correo de contacto. Unha mágoa.
    • Motoclub Costa da Morte: invitámolos a rexistrarse para publicar de balde calquera cousa, mesmo contido multimedia, relativa ó club, a Motofesta e outras actividades para que poidan informar ás visitas que nos están chegando dende búqsquedas relacionadas ó motociclismo. Para elo empregamos o correo de contacto do webmaster do seu sitio pero ampouco respostaron.
    • IESP: enviouse un correo á dirección do mesmo para convidalos a participar publicando datas, horarios ou acontecementos no mesmo. Quizáis non obtivemos resposta por estar de vacacións nestas datas.
  • Do mesmo xeito, tras localizalos na rede, enviáronse invitacións a varios particulares para participar dun ou doutro xeito no portal e segundo as súas inquedanzas. Sempre sen resposta.

Pese ó risco de resultar pesados de máis, queremos convidar públicamente a participar neste portal tanto ós aquí enriba mencionados coma a calquera veciño, asociación ou colectivo que estime ter algo que aportar.

Pola nosa banda, comprometémonos a poñerllo o máis doado posible, xa sexa editando e aloxando o material multimedia, xa sexa ensinándolles a empregar a doada interface interna de publicación do portal, creando persoalmente unha conta no portal a aqueles usuarios menos experimentados, ou mesmo configurando una casilla de correo usuario@500p.com no propio PC dos usuarios que o requiran.

Tamén cabe a posibilidade de elaborar reportaxes gráficas e máis un listado dos servizos que ofrezan os distintos establecementos do concello para promocionarse de balde cara ó turismo.

O obxectivo de 500P é abrirlle a Ponteceso unha xanela na rede, inexistente ata o de agora, para a información dos propios veciños, paisanos emigrados e miles de visitantes potenciáis que poderían decidirse a pasar uns días no noso pobo despois de coñecernos en internet.

Estamos abertos ás súas propostas. Non dubide o máis mínimo en poñerse en contacto con nosco rexistrándose no portal ou contactándonos directamente por e-mail, teléfono ou deixando un comentario nesta nova.

[Discapacitados visuais] Escoitar contido:

Publique a súa opinión: