Ponteceso na Rede

Arquivo de Xullo, 2007

XIV Feira Exposición Paseo do Cabalo

Xuntanza dos amantes do mundo do cabalo xunto ó campo de fútbol do Pinguel.

  • Programa:
    • Ás 10.00h Recepeción ós participantes. Inscripción e invitación a xantar.
    • Ás 13.00h Paseo a cabalo por Ponteceso-Tella. Á volta comida no recinto da carpa.
    • Pola tarde exhibicións e podros para os rapaces.
    • Ás 18.00h sorteo dun poldro.

Leer en español »

[Discapacitados visuais] Escoitar contido:

Propostas para hoxe: cita solidaria con Nicaragua en Corme e xornadas de confraternidade cos nenos saharauis en Ponteceso

Hoxe propoñémoslles como actividades de lecer as seguintes, polo seu interese:

  • Festival Solidario con Nicaragua en Corme: Recadación de fondos para a creación dunha gardería en Ocotal Nicaragua. Na Praza da Ribeira en Corme.
    • Ás 20.00h Xogos musicais coa “Escola da Rúa”.
    • Ás 21.00h Proxección do proxecto “Norte-Sur Solidario”.
    • Ás 21.30h Arte Cómico co paiaso “Fredi”.
    • Ás 22.30h Sesión de música Nicaragüense.
    • Ás 23.30h Música da Terra con “Fol de Veneno”.
    • Ás 00.00h A realidade de Nicaragua en fotografía.
    • Ás 00.30h Música mestiza dende Madrid con “Banda Amplia”.
    • Ás 01.30h “Emrock”, rock da Costa da Morte.
    • Ás 02.30h Música para todos por “Dj Petete”.
  • Xornadas de Confraternidade cos Nenos Saharauis en Ponteceso:
    • Ás 16.00 h Chegada a Ponteceso dos rapaces e familias de acollida e saída en autocar cara a praia.
    • Ás 17.00h Actividades deportivas e de baño en Valarés.
    • Ás 20.30h Festival de Corais na AC Río Anllóns de Ponteceso a cargo da Coral Polifónica de Ponteceso, Saraiba de Os Mallos e Airiños da Capela de As Neves.

Leer en español »

[Discapacitados visuais] Escoitar contido:

López Cao comezará o luns o fresado da estrada en Tella

Os xornais ofrecen información contradictoria sobre a mesma nova… Segundo La Voz de Galicia, a Consellería de Política Territorial comunicoulle ó concello que as obras de fresado da estrada de Tella comezarían o luns, citando como fonte ó alcalde, Fondo Aguiar. Pola contra, segundo o Diario de Bergantiños, foi a propia empresa López Cao quen comunicou ó concello o posible inicio das obras o vindeiro luns ó tempo que solicitaron a colaboración da Policía Local para regula-lo tráfico na zona, sen que a Consellería se puxese en contacto con concello para nada, citando como fonte a Pose Facal como responsable da área de Infraestructuras e Policía do concello.

De tódolos xeitos, os veciños de Tella manteñen a movilización convocada para esta tarde ás 7 horas coma en pasadas fins de semana.

Leer en español »

[Discapacitados visuais] Escoitar contido:

O concello firma convenios coa Banda de Música e coa Fundación Torre-Pujales

Segundo se anunciou hoxe, o concello ven de formalizar sendos convenios coa Banda de Música “Eduardo Pondal” e coa Fundación Torre-Pujales.

No primeiro caso, garántese a participación gratuita da Banda de Música de Ponteceso nunha festa por parroquia do concello.

No caso da Fundación Torre-Pujales, a duración do convenio colaborativo ten unha duración de cinco anos e abrangue axuda organizativa en eventos de interese e a posta en marcha do futuro Museo de Arte Contemporáneo da Costa da Morte condoando a licencia de obra do mesmo por importe de 30.000€.

Leer en español »

[Discapacitados visuais] Escoitar contido:

Aproban un aumento das cuotas para evita-la quebra da confraría de Corme

Na asamblea da confraría de Corme que onte reuniu a uns sesenta membros aprobouse, entre outras medidas, o aumento das cuotas anuais nun mínimo de 300€ para así evita-la quebra saldando as débedas que acarrean cos seus vixiantes. Agora a xunta xeral deberá refrenda-la decisión tomada para que ésta teña efecto.

Leer en español »

[Discapacitados visuais] Escoitar contido:

Proxección de “Nacido el 4 de julio” na Casa do Mar de Corme

Esta noite ás 22:30 horas proxectaráse no salón de actos da Casa do Mar de Corme o filme “Nacido el 4 de julio” dentro do Ciclo de Cine da Guerra do Vietnam organizado pola AVV Eduardo Pondal. Como en films anteriores, haberá unha presentación antes da película e un pequeno coloquio ó finaliza-la mesma. Lembren que os menores de 15 anos deberán acodir na compaña dun maior e que a entrada é gratuita.

Leer en español »

[Discapacitados visuais] Escoitar contido:

Aberto o prazo de preinscripción na Galescola de Ponteceso

Poderánse preinscribir nenos de cero a tres anos na Galescola de Ponteceso dende hoxe mesmo ata o día 30 de cara ó vindeiro curso escolar. Para maior información, os pais poden achegarse ó concello ou visita-la web do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

Leer en español »

[Discapacitados visuais] Escoitar contido:

Queixas da Asociación de Empresarios de Ponteceso por presións da Policía Local nas tarefas de carga e descarga

A Asociación de Empresarios de Ponteceso ven de emitir un comunicado denunciando as presións que sofren diversos establecementos en Ponteceso por parte da Policía Local dende onte con respecto ás tarefas de carga e descarga:

A Policía achegouse onte a algúns negocios de Ponteceso prohibindo a carga e descarga enriba das beirarrúas de único acceso aos seus establecementos, concretamente en casos de beirarrúas de cinco metros de ancho, dos que a metade quedaban libres para a circulación de peons, impedindo con esta medida a actividade propia das súas empresas. De seguir así as cousas, tomaremos as medidas oportunas en contra desta decisión.

Tamén recalcan que non comprenden o por qué desta actitude que non vai encamiñada a mellorar nada.

Leer en español »

[Discapacitados visuais] Escoitar contido:

Disputa estéril entre o PP e o PSOE coa escusa do segundo médico de Corme

Vai semanas que o alcalde Fondo Aguiar, do PP, e máis Mato Pet, do PSOE, manteñen unha disputa de cara ó publico empregando a prensa como canle. O último episodio ven propiciado pola escusa do segundo médico para Corme que, segundo os do PP, prometeran os do PSOE conseguir cando menos para que viñese no verán e, segundo os do PSOE, os do PP nin prometeron nin están interesados en que veña. Así pois, perpetúase unha discusión idiota: mentres eles se escupen nos xornais os veciños seguen sen segundo médico… e que viva o circo.

Leer en español »

[Discapacitados visuais] Escoitar contido:

Actualizan a web do concello

Tras máis de un ano, alguén decidiu actualiza-la web do concello, na que por fin consta a corporación actual. No menú da esquerda engadiuse o .doc das Actividades de Verán 2007 para descarga, case todas obsoletas. Tamén se está a actualiza-la sección de novas dende o día 19, entre as que cabe salientar:

  • Festival Solidario con Nicaragua: Sábado 21 de xullo. Recaudación de fondos para a creación dunha gardería en Ocotal Nicaragua.Na Praza da Ribeira en Corme.
    • Ás 20.00h Xogos musicais coa “Escola da Rúa”.
    • Ás 21.00h Proxección do proxecto “Norte-Sur Solidario”.
    • Ás 21.30h Arte Cómico co paiaso “Fredi”.
    • Ás 22.30h Sesión de música Nicaragüense.
    • Ás 23.30h Música da Terra con “Fol de Veneno”.
    • Ás 00.00h A realidade de Nicaragua en fotografía.
    • Ás 00.30h Música mestiza dende Madrid con “Banda Amplia”.
    • Ás 01.30h “Emrock”, rock da Costa da Morte.
    • Ás 02.30h Música para todos por “Dj Petete”.
  • XIV Feira Exposición Paseo do Cabalo: Domingo 22 de xullo. Xuntanza dos amantes do mundo do cabalo. A carpa estará situada no Pinguel.
    • Ás 10.00 Recepeción ós participantes. Inscripción e invitación a xantar.
    • Ás 13.00 Paseo a cabalo por Ponteceso-Tella. Á volta comida no recinto da carpa.
    • Pola tarde exhibicións e podros para os rapaces.
    • Ás 18.00 sorteo dun poldro.

Leer en español »

[Discapacitados visuais] Escoitar contido:

Rutas de sendeirismo pola beira do Anllóns

Os veciños maiores de 10 anos poderán desfrutar mañán sábado das rutas de sendeirismo programadas pola beira do río Anllóns, de Verdes a Anllóns, con saída ás 10 h. da mañán da Praza do Relleno de Ponteceso. Débese vestir calzado axeitado, pantalón longo e gorra, así coma levar un pau de apoio, protección solar e máis auga. Pódense inscribir na Oficina Municipal de Información Xuvenil chamando ó 981 714 622.

Polo visto esta actividade quedou suspendida, coma tantas outras no que vai de verán. Da a sensación de que se poñen por poñer, para encher o .doc de Actividades de Verán 2007 pero sen ningún calado real: nin se promociona debidamente nin, polo que parece, se estudia se hai a priori un mínimo número de persoas interesadas en participar na actividade. Sinxelamente vergoñento e lamentable. Damos por sentado que a ruta programada para o vindeiro mércores tamén quedará como actividade pantasma

Leer en español »

[Discapacitados visuais] Escoitar contido:

O gas cidade chegará ós fogares de Corme nuns cinco meses

Segundo estimacións da compañía BP, o gas cidade chegará ós primeiros fogares de Corme nuns cinco meses gracias ás obras que se levan a cabo dende o pasado tres de xullo de xeito descontinuado por mor das festas da vila, para as que se calcula unha duración aproximada duns nove meses e un presuposto de 400.000€. O centro de almaceamento remataráse en catro meses, tendo capacidade para cen métros cúbicos de gas propano que garanten o suministro para tres meses e estando situado a carón do cemiterio. Nese mesmo lugar hai previsto para mañan ás 12:30 horas un acto de inauguración das obras con presencia de autoridades da zona e da empresa.

Leer en español »

[Discapacitados visuais] Escoitar contido:

“Pintar na rúa”, mañán 20 de xullo na Praza da Ribeira de Corme

Mañán 20 de xullo a partires de 10:30 h. ata as 13:30 h. os máis pequenos, rapaces de 6 a 12 anos, poderán desfrutar das actividades de “Pintar na rúa” na Praza da Ribeira de Corme.

Leer en español »

[Discapacitados visuais] Escoitar contido:

Eduardo Pondal

Eduardo PondalEduardo González-Pondal Abente (Ponteceso, 8 de abril de 1835 - A Coruña, 8 de marzo de 1917) foi un poeta rexionalista galego.

De orixe fidalga, Eduardo Pondal quedou orfo de nai ao ano de nacer, estudou dende 1844 gramática latina na escola que tiña un parente crego en Vilela de Nemiña. En 1848 instalouse en Santiago de Compostela para cursar o Bacharelato en Filosofía e, a seguir, a carreira de Medicina. De estudante frecuentou o Liceo de Santo Agostiño, onde había tertulias literarias, e revelouse como poeta, co seu íntimo amigo Aurelio Aguirre, nunha ocasión que se fixo célebre: o banquete de Conxo, do que falan todos os historiadores da literatura galega. Foi un banquete organizado en 1856 polos estudantes liberais en homenaxe “ao terceiro estado”, no que fraternizaron obreiros e estudantes. Os brindes de Aguirre e de Pondal tiveron un sentido político moi avanzado, e por eles procesounos a Audiencia da Coruña.

Ao rematar a carreira en 1860 exerce como médico da Armada Española en Ferrol. En 1861 fixo oposicións en Madrid ao corpo de Sanidade Militar, mais, tras conseguir un posto na fábrica militar de Trubia (Asturias), deixou a praza e abandonou de maneira definitiva a profesión médica. O 2 de xullo de 1861 celebráronse na Coruña os primeiros Xogos Florais de Galicia, no que Pondal participou con A campaña d’Anllóns, o seu primeiro poema en galego que se publicou ao ano seguinte no Álbum de la Caridad.

Eduardo PondalEduardo PondalPondal apenas exerceu a súa carreira. Retirouse axiña á súa casa paterna e alí viviu, con frecuentes viaxes a Santiago de Compostela e á Coruña, onde concorría á libraría de Carré, chamada a “Cova Céltica”, na que mantiñan un parladoiro Antonio Martínez Salazar, Manuel Murguía, Florencio Vaamonde, Evaristo Martelo Paumán, Urbano Lugrís e outros. Alí accedeu a través de Murguía aos poemas ossiánicos de James Macpherson. Pondal asumirá entón o papel de “bardo” da nación galega, exercendo como guía e intérprete da rota a seguir.

No ano 1877 saíu do prelo Rumores de los pinos, un conxunto de vinte e un poemas en galego e español que servirá de base a Queixumes dos pinos (1886). Esta obra recupera da versión bilingüe as composicións en galego, inclúe aínda algúns dos poemas en español agora traducidos e coñecerá diversas ampliacións nas edicións seguintes. “Os pinos”, xurdido das sucesivas reelaboracións de “Rumores de los pinos”, conformará o himno galego, ao que Pascual Veiga lle porá música.

A saudade de Pondal, poeta da liberdade, que ansiaba levantar un pobo, oriéntase cara a un pasado que el imaxinaba libre e independente, e que o seu impulso lírico quer reconquistar. A poesía de Pondal proponse renovar a historia. Como do pasado céltico non quedan máis que vagos vestixios, Pondal esfórzase en adiviñalo, guiándose polos poemas de Ossian, por algunhas citas de Leabhar Gabala e polas investigacións de Murguía, e crea un mito fragmentario, distante da historia, indeterminado, arredor de dous arquetipos: o Heroi e o Bardo. Pero trátase dun pasado de gran beleza e dunha forza de suxestión extraordinaria.

Eduardo PondalPondal, poeta oficial do movemento rexionalista, encamiñará a súa obra á recuperación da lingua e da cultura galegas e á decidida defensa da liberdade do noso pobo. A súa escrita, fundamentalmente épica, irá en procura de mitos autóctonos que chamen á colectividade galega para comprometela co seu futuro. O bergantiñán vai cantar as xestas dos heroicos celtas galegos. Mais Pondal é tamén un excelente cultivador da poesía lírica, recreando unha paisaxe agreste inspirada nas terras de Bergantiños. Xunto coa natureza, a muller configurarase como unha das chaves da súa produción lírica. No plano lingüístico, Pondal procurou a dignificación do idioma fuxindo do estilo populista da época e incorporando diversos cultismos aristocratizantes no léxico e na sintaxe. O trazo máis acusado da súa personalidade literaria foi, sen dúbida, a clara consciencia da dimensión artística da súa obra, o que o levou a revisar constantemente as súas creacións, mesmo as xa publicadas. Neste sentido, non resulta estraño que de Os Eoas, un extenso poema épico baseado na descuberta do continente americano, o autor só publicase un primeiro esbozo en 1858.

Eduardo Pondal faleceu na Coruña no hotel “La Luguesa” en 1917 e repousa desde entón no cemiterio de San Amaro.

Fonte: Wikipedia, baixo licencia Creative Commons. (A versión da biografía en español non é unha traducción literal da presente polo que podería ampliar datos máis ou menos relevantes.)

Leer en español »

[Discapacitados visuais] Escoitar contido:

O verdadeiro motivo da “avaría” na antena de Movistar foi o roubo dos cables de cobre

Se ben onte informabamos sobre unha avaría na antena que Movistar ten en Monte Branco, hoxe debemos corrixi-la información. A avaría non foi tal: en realidade tratouse do roubo dos cables de cobre das tomas de terra en diversas antenas de telefonía e repetidores situados no Monte, tal e como poideron comprobar os técnicos o luns. O motivo de que só fallase a cobertura de Movistar foi que, ademáis dos cables de cobre, tamén curtaron os cables dos panéis solares que a instalación emprega para lle dar enerxía á antena. Isto podería propiciar novas caídas na cobertura desa operadora debido a que os repostos necesarios para a reparación poderían tardar ó redor dun par de días en chegar.

Leer en español »

[Discapacitados visuais] Escoitar contido:

O presuposto do Ponteceso SD para a tempada 2007/2008 ascende a 47.000€

O Ponteceso SD incrementa o seu presuposto da pasada tempada nuns 4.000€ acadando así os 47.000€ para a tempada 2007/2008, correspondendo unha metade para o primeiro equipo e a outra para as categorías xuvenís, infantís e alevíns. Do mesmo xeito, establécense en 30€ as primas por victoria e en 15€ as compensacións para aqueles xogadores que se vexan na obriga de desprazarse polos seus medios. O novo entrenador será Javier Bardanca mentres que na presidencia segue José Manuel Mato.

Leer en español »

[Discapacitados visuais] Escoitar contido:

500P: Portal aberto de Ponteceso

Tendo en conta que Internet ten cada día máis presencia nas casas e negocios do concello, decidimos coa axuda de Presencia en la red crear un portal que aglutinara todo tipo de información relativa a Ponteceso: novas, actividades, historia, imaxes, deportes, establecementos, etc. Para fomenta-la participación activa dos veciños, habilitouse unha sección {Colabore} dende a que calquera se pode rexistrar de balde no sitio para publicar novas, artigos de opinión, historias, imaxes ou mesmo vídeos previo aviso. Tamén é posible opinar sobre as novas sen necesidade de rexistro.

Ademáis, nas dúas semanas de vida do portal, enviáronse específicamente as seguintes invitacións para tomar parte activa ou colaborar co noso sitio:

  • Ó concello: en vista de que sitio web do concello está en estado de ruinoso abandono, enviamos cadanseu correo electrónico ás distintas áreas do mesmo invitándoos a incluírnos nos envíos dos seus comunicados de prensa e iniciativas. Por unha banda, moitas das casillas de correo non estaban operativas e pola outra, malia ter visto en prensa informacións citando como fonte o concello, dende este portal non tivemos a honra de recibir pola súa banda ningún tipo de información ou comunicado a día de hoxe. Resultado: as novas referentes a obras e iniciativas do concello só se publican cando nos enteramos por outros medios.
  • Ós diferentes grupos políticos: contactamos co responsable do Bloque por medio da bitácora que habilitaron para a campaña electoral e non obtivemos resposta. Tamén tentamos contactar co PSOE local requerindo por medio do sitio web do PSdeG algunha dirección de correo electrónico ou teléfono. Tampouco nos deron resposta. Resultado: as iniciativas ou queixas da oposición non son publicadas.
  • A diferentes colectivos ou institucións do concello:
    • AVV Eduardo Pondal: por medio do formulario de contacto do seu sitio invitámolos a publicar en 500P o que estimasen oportuno relativo á súa asociación e actividades. Non respostaron.
    • AC Monte Branco: a información na súa web está obsoleta, con datos de 2001, e non facilitan ningún correo de contacto. Unha mágoa.
    • Motoclub Costa da Morte: invitámolos a rexistrarse para publicar de balde calquera cousa, mesmo contido multimedia, relativa ó club, a Motofesta e outras actividades para que poidan informar ás visitas que nos están chegando dende búqsquedas relacionadas ó motociclismo. Para elo empregamos o correo de contacto do webmaster do seu sitio pero ampouco respostaron.
    • IESP: enviouse un correo á dirección do mesmo para convidalos a participar publicando datas, horarios ou acontecementos no mesmo. Quizáis non obtivemos resposta por estar de vacacións nestas datas.
  • Do mesmo xeito, tras localizalos na rede, enviáronse invitacións a varios particulares para participar dun ou doutro xeito no portal e segundo as súas inquedanzas. Sempre sen resposta.

Pese ó risco de resultar pesados de máis, queremos convidar públicamente a participar neste portal tanto ós aquí enriba mencionados coma a calquera veciño, asociación ou colectivo que estime ter algo que aportar.

Pola nosa banda, comprometémonos a poñerllo o máis doado posible, xa sexa editando e aloxando o material multimedia, xa sexa ensinándolles a empregar a doada interface interna de publicación do portal, creando persoalmente unha conta no portal a aqueles usuarios menos experimentados, ou mesmo configurando una casilla de correo usuario@500p.com no propio PC dos usuarios que o requiran.

Tamén cabe a posibilidade de elaborar reportaxes gráficas e máis un listado dos servizos que ofrezan os distintos establecementos do concello para promocionarse de balde cara ó turismo.

O obxectivo de 500P é abrirlle a Ponteceso unha xanela na rede, inexistente ata o de agora, para a información dos propios veciños, paisanos emigrados e miles de visitantes potenciáis que poderían decidirse a pasar uns días no noso pobo despois de coñecernos en internet.

Estamos abertos ás súas propostas. Non dubide o máis mínimo en poñerse en contacto con nosco rexistrándose no portal ou contactándonos directamente por e-mail, teléfono ou deixando un comentario nesta nova.

[Discapacitados visuais] Escoitar contido: