Ponteceso na Rede

Asuntos que se abordarán no pleno de mañán

Os seguintes asuntos hanse tratar no pleno ordinario convocado para mañán luns ás nove da mañán:

* Aprobación da acta da sesión anterior.

* Aprobación das actuacións do Plan de Obras e Servizos:

O equipo de goberno proporá destiña-los 277.405 euros do POS para melloras viarias coma o asfaltado da pista da Atalaia á estrada do Roncudo, pista dende a Regadiña ata a Panadería, pista dende a Agra de Rodríguez á Regadiña, finalización do camiño dende A Pedra ata Candelajo en Corme; tramo da estrada xeral ó Iglesario en Langueirón; camiños de Fonte das Pombas e de Canleiro en Niñóns; camiño dende o cruceiro ata a Fonte dos Ánxeles e ampliación do camiño de Rocheira en Brántuas.

* Proposta de apoio á declaración da Torre de Hércules como Monumento Patrimonio da Humanidade da Unesco.

* Aprobación dunha permuta inmobiliaria:

Proporáse a permuta dunha finca municipal no Monte da Facha, de solo rústico pertencente á Rede Natura entre Valarés e Corme, por outra privada entre o polideportivo e o cemiterio de Corme. Os propietarios do terreo pretenderían crear aló un coto de caza mentres que o Concello disporía de terreo para un futuro auditorio. (Segundo a Voz de onte, este punto terá que agardar a un vindeiro pleno por non aportaren os propietarios toda a documentación a tempo).

* Aprobación da modificación dos Estatutos da Fundación Eduardo Pondal.

* Mocións.

* Pregos e preguntas.

PSOE: segunda fase do polígono e feira semanal

Presentarán unha moción para que o Concello solicite a segunda fase do polígono industrial da Mezquita e propoñen que a venda de parcelas inclúa unha cláusula fixando un prazo para edificar, así coma estudiar cos actuais propietarios da primeira fase a posibilidade de edificar as parcelas baleiras. Tamén se tratará sobre da construcción dunha nave propia para estaciona-los diversos vehículos do Concello que andan espallados polo municipio.

Noutra moción proporán por converti-la feira da Trabe nun mercado semanal.

Tamén se interesarán por saber se o muro que se está a levantar en Os Agrelos, Corme, ten licenza, sobre das xestións para sintonizar laSexta e a TDT, cánto se ten investido na Feira das Fabas, cánto se destiña ó mantemento de colexios, qué plans ten o goberno para a base de Protección Civil, cándo se vai a arranxar a rúa dos Cuñarros en Tella, a relación de obras que se solicitaron a Política Territorial, etc.

BNG: travesía de Tella e apagóns no campo de fútbol

Presentarán unha moción para que tódolos grupos firmen unha escrita para facerlle ver a Política Territorial que todos están contra a pavimentación recentemente realizada, así coma solicitar que se rebaixe a cota da estrada e a creación de beirarrúas reais.

Noutra moción pedirán ó Concello que adopte medidas para o aforro enerxético e a concienciación cidadá sobre o mesmo.

Tamén se han interesar en saber sobre dos apagóns que se dan decote no campo de fútbol do Pinguel, as xestións do Concello para a promoción turística, se haberá un centro de día, por qué non se fixeron as obras previstas para a EDAR, cándo se abrirá a Galescola, qué pasa co segundo médico de Corme, etc.

[Discapacitados visuais] Escoitar contido:

Publique a súa opinión: