Ponteceso na Rede

Sobre o acontecido no pleno de onte

Aprobouse o Plan de Obras e Servizos (POS) para o 2008 coa abstención de PSOE e BNG, ainda que se enclúen algunhas das propostas do Bloque, cos seguintes proxectos de pavimentación vial:

  • En Langueirón, dende a estrada xeral ata o igrexario, 52.831 euros
  • En Cores, camiño de Santa Cruz a estrada de Cruceiro e camiño de Fonte das Pombas, 34.214 euros
  • En Corme:
    • De Aldea do Roncudo ata zona alta de Regadiña, 52.492 euros
    • De A Pedra á rúa Boqueta Carril, con valado, 53.352 euros
    • Tramo Atalaia - estrada do Roncudo e do camiño Cruceiro a Fonte dos Ánxeles (Brántuas), 36.520 euros
  • En Niñóns, camiño de Canleiro e, en Brántuas de Abaixo, camiño de Rocheira, 47.990 euros

O alcalde salientou como razoables as propostas do BNG por seren obras prioritarias malia ser imposible metelas todas no POS mentres que calificou de “panfleto” as do PSOE por, segundo Fondo Aguiar, non se adaptaren nin ás bases nin ós cartos dispoñibles xa que sería preciso un millón de euros para levalas a cabo. Os socialistas respostaron que debería le-las bases da convocatoria para saber qué obras se poden incluír e as que non e lembrou que algunhas das súas propostas xa foran incluidas noutros plans co seu voto a favor.

Aprobouse a modificación dos estatutos da Fundación Eduardo Pondal por unanimidade despois de que a secretaria explicara que se trataba dunha cuestión de formas para adapta-lo regulamento á nova Lei de Fundacións de Interese Galego.

Aprobáronse por unanimidade as propostas para apoia-la candidatura da Torre de Hércules a ser proclamada Patrimonio da Humanidade ó igual que achegarlle os parabéns a Dolores Bolay por ter sido elixida presidenta do parlamento de Xenebra.

O asunto da permuta inmobialiaria aprazouse ata un vindeiro pleno por non teren presentado os promotores toda a documentación a tempo.

Mocións

A moción do BNG sobre o cambio climático, que incluía medidas de aforro enerxético e a elaboración dun plan específico así como retrasa-lo prendido do alumeado do Nadal, foi rexeitada aducindo que o Concello se atopa vinculado xa a plans de outras administracións e que mesmo os comerciantes piden que se adiante o encendido do mencionado alumeado.

Outra moción do Bloque en apoio ás reivindicacións dos veciños de Tella foi aprobada por unanimidade polo que os tres grupos lle expresarán a súa oposición á Consellería de Política Territorial sobre da pavimentación recén realizada e pediránlle que rebaixe o nivel da estrada á altura das casas así como a construcción de beirarrúas de verdade. O alcalde asegurou que deberían expropia-la marxe dereita en dirección Carballo coa fin de cederlla ó Concello para facer beirarrúas e aparcamentos.

En canto ás mocións do PSOE, Fondo anunciou que as mocións e preguntas deste grupo habían quedar para o vindeiro pleno ordinario por teren sido presentadas o venres e non poder te-las miradas ata o día de onte (chegou a asegurar que se enterou das mesmas pola prensa), reprochándolles que xa tiña advertido no pleno anterior que a oposición debería presentarlle as mocións e preguntas con maior antelación a fin de darlle tempo dabondo para examinalas e prepara-las respostas. Foi entón cando os tres ediles socialistas abandoaron o salón de plenos en sinal de protesta. O portavoz do grupo, Mato Pet, declarou o seguinte:

O Goberno tenta poñer trabas á oposición cos horarios dos plenos e actitudes como ésta. O sábado é día hábil e cúmprense as vintecatro horas de rigor. Ademáis, o alcalde cobra un bo soldo, teñen tres dedicacións exclusivas e cada membro do goberno percibe 612€ ó mes, polo que aínda que teñan que facer algunha hora de máis non é tanto esforzo.

O PSOE abandoa o salón de plenos
O PSOE retirándose do pleno [FOTO: cibeira - lavozdegalicia.es]

Rogos e preguntas

Respostas ós interrogantes plantexados polo BNG:

Sobre a construcción do centro de día, o alcalde asegurou que o Concello se interesou por contar con esta instalación a través de contactos coa Xunta e coa Deputación ós que se lle ofreceron terreos sitos entre o centro de saúde e o intituto, estando a día de hoxe á espera de novas por parte de Vicepresidencia da Xunta, quen por boca de Carmen Aldán, secretaria xeral de Igualdade, fixo saber que ofrecerían resposta a curto prazo.

Sobre a Galescola, Fondo Aguiar rexeitou responsabilidades no retraso na súa apertura.

Anunciouse que a casa de cultura deberá estar rematada a mediados de 2008.

Sobre os sendeiros litorais, o alcalde indicou que Ponteceso foi incluído no proxecto do Ministerio de Medio Ambiente cun tramo entre A Barra e Anllóns. Cando Suso Lista se interesou polo proxecto anunciado por Touriño sobre o tramo costeiro de Muros e Laxe e unha posible inclusión de Ponteceso, Fondo aclarou que polo de agora só é unha simple declaración de intencións e que en caso de concretarse solicitaráse que conten con Ponteceso.

En canto ó segundo médico de Corme, o alcalde explicou que mantivo xuntanzas cos veciños e coa delegada provincial así como o envío de escritas á consellería recibindo por toda resposta que non hai médicos dabondo.

Sobre as obras do gas en Corme e a preocupación dos veciños que xa adiantaron cartos á empresa, Fondo aclarou que a concesionaria solicitou dous permisos: un para a canalización e outro para o depósito, ámbolosdous concedidos se ben o do depósito depende agora das Consellerías de Industria e Medio Ambiente.

Explicouse que as obras de sendas peonís e bairrarúas ata o Pinguel que está a construir a Deputación non inclúen rede de saneamento pero que o Concello prentende poñer canalización ata a curva da Agra de Lestemoño sen que sexa preciso que a obra afecte ós traballos que se están a realizar na actualidade.

O alcalde tamén informou que as obras da EDAR de Corme serán contratadas antes de que remate o ano e as de mellora da de Ponteceso xa foron adxudicadas.

[Discapacitados visuais] Escoitar contido:

Opinións

  1. juan dixo o Martes 27 ás 13:58h.:

    é unha vergoña que o noso acalde non teña tempo pra escoitar a oposición e logo ¿ e mais traballadora a xente do psoe que eles? ,que cobran por a sua labor e AINDA ANDAN CON PRISA poñen os plenos a hora que lles da a gana sen ter en conta os veciños e traballadores da oposición.
    SON UNHA PANDA DE IMPRESENTABLES. cobrar e non traballar

  2. aradalinho dixo o Martes 27 ás 16:40h.:

    Podemos falar largo e tendido de política. Podemos amosar as nosas posicións (non fai falta declaralas, xa se ve ó ler). Pero temos que ter claro unha cousa. Todo o mundo, e cando me refiro a todo mundo, digo todos, temos dereito, se somos politicos, a ter tempo para preparar as nosas respostas. Os plenos estructuranse en Comisions e Plenos, a comision informativa é previa, polo tanto deberian, TODOS, presentar as suas propostas, mocións e preguntas con antelación (lembremos que hai 2 meses entre un ordinario e outro). A lei que rexe o funcionamento nestes casos, di que ata 24 horas antes se poden presentar. Certo é que o PSOE o fixo (según din), pero suponse que o PSOE querera que se conteste o mellor posible as súas preguntas, de ser así, presentan as preguntas antes, que non pasa nada. O que pasa e que hai maneiras de actuar e ser chapuceiros. E repito, veña de quen veña, polo ben de todos, que sexan ordenadiños e claros á hora de preguntar (faltas de ortografía e expresión incluídas), que teñen 2 meses para presentar as preguntas, mocions e demais material, e non facelo a última hora, así remátase o problema. Outra cousa e que provocaramos o problema, porque nos interesa mediaticamente. Xa non hai moito tempo para facer oposicion, os plenos habían de ser cada mes por lei, pero polo menos aproveitalo.

  3. […] Sobre do 45% das inversións corresponden ó Plan de Obras e Servizos no que se inclúen melloras viarias por valor de 277.405 euros que pode ver polo miúdo premendo aquí. […]

Publique a súa opinión: