Ponteceso na Rede

Fútbol: crónica dos encontros da fin de semana

[Liga da Costa - 2ª aut. gr. II]

O Ponteceso empata en Malpica: 0-0

O Ponteceso non se soubo aproveitar da derrota do Cee no seu derbi fronte o Fisterra, co que só lle recurta un punto tras empatar na Pedra Queimada nun partido fronte Malpica no que ningún dos equipos foi quen de marcar: Nando espetou o balón contra a cruceta da portería do Malpica na primeira parte e, xa na segunda, Pablo viu como o colexiado lle anulaba un gol.

Pombo, Roberto Ríos, Tucho, Mario e Barca viron a tarxeta amarela.

O Ponteceso segue segundo, desta vez a catro puntos do Cee que se mantén á fronte da clasificación con 36.

O Corme cae no Cairo contra o Porteño: 1-2

O Corme cede na casa os tres puntos fronte o Porteño, equipo revelación da Liga, diante duns 200 siareiros. O primeiro tanto chegaba para os da Ponte do Porto no minuto vintecinco despois dun rexeite de Susiño que caeu nos pes do visitante Varela quen só tivo que empurra-lo esférico. O Corme buscaba a remontada pero non daba atinado ata que a falta dun cuarto de hora para o final un dos defensas rivais atallou o balón coa man dentro da área: Cordobés non desperdiciou o penalti. Dez minutos máis tarde unha xogada elaborada culminaría no segundo e definitivo gol do Porteño dando ó traste coas esperanzas dos cormeláns por se alzaren coa victoria.

O árbitro amosoulle o cartón amarelo a Brais.

Coa derrota, o Corme descende dous postos no taboleiro e ubícase noveno con 23 puntos, os mesmiños que Sofán, Muros e Camariñas que copan os postos do sexto ó oitavo respectivamente. O seguinte clasificado é o Baio que con 20 puntos está décimo, tres por baixo do Corme.

[Liga de veteráns - Grupo A]

O Ponteceso perdeu fóra contra o Zas, rival directo, por 2-1 co que se alonxa da cabeza da clasificación. Así pois, o Ponteceso ponse terceiro con 30 puntos, tres por riba do Buño pero a nove do Zas, que é segundo, e a 12 puntos do San Román que vai primeiro con corenta e dous.

O Corme acadou unha estupenda goleada na casa por 3-0 no partido que o enfrontou ó Club del Mar. O resultado pono séptimo con catorce puntos adiantando ó propio Club del Mar nun punto e quedando a cinco do Camariñas que é sexto con dezanove.

[Liga xuvenil - Grupo Norte]

O Ponteceso colleitou unha derrota na casa fronte ó Sporting Zas por 2-3 co que é quinto na clasificación en terra de ninguén con 22 puntos, catro por riba do Malpica e seis por tras do Zas.

Na mesma tónica o Corme perdeu en Camariñas por 5-3 situándose coma antepenúltimo da clasificación con 14 puntos, oito por diante do Coristanco que é décimo e a un por baixo do Camariñas e dous do Soneira, oitavo e séptimo respectivamente.

[Discapacitados visuais] Escoitar contido:

Publique a súa opinión: