Ponteceso na Rede

Réplica do alcalde ás acusacións do PSOE

Continúa a desputa verbal entre o PP e o PSOE de Ponteceso estes días na prensa por mor do estado e reparación do Colexio Público Eduardo Pondal. Se na última ocasión os socialistas acusaban ó Concello de non facer nada pola escola agora tócalle ó alcalde respostar con todo o que se fixo polo colexio pola súa banda:

Salvo a substitución da cuberta e da carpintería exterior, que correron por conta de Educación, todo o demáis afrontouse con cartos das arcas municipais: os servizos sanitarios e o alicatado do patio; a substitución da caldeira que se puxo totalmente nova; pintado de todo o centro; substitución da iluminación interior e novos puntos de luz no exterior; econdicionamento do xardín e zonas verdes; construcción dunha nova rampa de acceso; acondicionamento e equipamento dunha zona de xogos infantís e dunha pista polideportiva descuberta; novas zonas de embarque e desembarque; melloras dos accesos; reposición de portas; eliminación de zonas cheas de pedras no exterior; arranxo das oficinas xerais e de dirección.

O actual director do colexio foi cabeza de lista e concellal do PSOE durante moito tempo e el foi un dos que quixo que o mellor era facer un novo colexio porque deficiencias coma a eliminación de barreiras arquitectónicas eran imposibles de solucionar.

Mandamos escritos conxuntos ós sucesivos delegados, tanto do PP como ó anterior do PSOE, e ao que hai agora tamén lle pedimos que polo menos arranxaran a calefacción.

Agora parece que xa non fai falta un colexio novo, que xa non hai problemas de barreiras arquitectónicas, nin fai falta ascensor, nin arranxar a cuberta. Con tantas necesidades que había antes, ata o punto de que había que tirar con todo, sorpréndeme moito que agora o director se conforme con poñer catro radiadores, consumo dos cales, por certo, terá que pagar o Concello.

Antes o delegado de Educación era do PP e non do PSOE como agora. Só así se explica este sorprendente cambio de opinión cando antes o director estaba aquí tódolos días pedindo que presionaramos ó delegado porque o colexio era unha ruina e había que tirar con el.

Fondo Aguiar anunciou que nos próximos días ha facer públicas as cifras concretas dos cartos investidos no colexio público por parte do Concello.

Entre pitos e frautas, os corenta anos que teñen enriba as instalacións non llas quita ninguén…

[Discapacitados visuais] Escoitar contido:

Publique a súa opinión: