Ponteceso na Rede

Arquivo de Xaneiro, 2008

Morrer con dignidade

Médicos do Juan Canalejo indicáronlle a Manuel Rivera Castro, veciño de Anllóns de 83 anos, que ha falecer en poucos días por mor do avanzado da leucemia que padece. Na contra da opinión do enfermo, que pide morrer con dignidade e coas atencións que os servizos hospitalarios lle outorgan, os médicos déronlle a alta o pasado día 18 e mandárono literalmente a morrer na casa. A dona de Manuel quere que se respete a vontade do enfermo de non abandoa-lo complexo hospitalario, co que non fixeron uso da ambulancia que os ía trasladar a casa ese mesmo día. Entón os facultativos lanzaron un ultimátum polo cal Manuel ha de abandoa-lo hospital no día de hoxe.

Poden le-la historia completa nesta reportaxe da Voz de Galicia.

[Discapacitados visuais] Escoitar contido:

Os rogos do PSOE de Ponteceso

Os tres concelleiros do PSOE veñen de presentar un rogo polo que solicitan o cambio de hora do vindeiro pleno. No presente mandato o goberno local trocou o horario ás nove da mañán cando ata agora se viñeran celebrando á tardiña.

Tamén preguntan os socialistas ó goberno se a instalación do transformador en Corme Porto ven propiciada para paliar deficiendas no suministro ou só para alimenta-la depuradora que ha ser instalada en Corme. De ser esto último, pregúntanse tamén cal é o problema técnico existente para que non se instale a carón da propia depuradora.

Por último, esixen que lle sexa requerido a Intervención que lles den acceso ás facturas impagadas nos catro anos precedentes.

[Discapacitados visuais] Escoitar contido:

Expostas ó público as listas electorais

As listas electoráis estarán expostas ó público no Concello de Ponteceso ata o vindeiro luns para que poidan ser consultadas por todos aqueles interesados a efecto de que poidan ser presentadas reclamacións. Deberáse presenta-lo DNI ou calquera outro documento identificativo e o horario é de nove da mañán a dúas da tarde. Tamén se poden facer consultas chamando ó 901 101 900.

[Discapacitados visuais] Escoitar contido:

Fútbol: crónica dos encontros ligueiros

[Liga da Costa - 2ª Aut. Gr. II]

Victoria do Ponteceso no Pinguel fronte ó Porteño: 2-0

Uns 120 afeccionados acodiron ó Pinguel para ve-la victoria do Ponteceso. Pouco inquedou ós locais o xogo do Porteño pois ós quince minutos de escomeza-lo xogo Rubén transformaba unha falta cometida sobre Toniño despois dun grande disparo que se colaba a pa da cepa do poste. O xogo converteríase entón nun toma e daca ata que, a falta de quince minutos para o final, Bolón chegou a rematar un corner dende o segundo pau logrando o gol que sentenciaba o partido.

Foron amonestados Mendieta, Miguel e Rubén polo Ponteceso.

Os pontecesáns continúan segundos na clasificación con 44 puntos, once por diante do Castriz e a catro do liderato que mantén o Cee.

O Corme cae no Cairo diante do líder Cee: 1-2

Douscentos espectadores se achegaron ó campo do Cairo para presencia-lo partido, se ben no comezo do encontro o Corme estivo pouco menos que desaparecido. No minuto vintacinco Bibi remataría dende a esquina da área, impactando o balón no longueiro para ir caer a pés de Josiño que aproveitaba para fusilar a Susiño totalmente libre de marcaxe. O gol resultou un revulsivo e o Corme entrou no partido con numerosas ocasións ata que, a falta de dous minutos para o descanso, Iago elaboraría unha xogada impresionante desfacéndose primeiro do defensa do Cee e logo do porteiro Mingos ó que lle gañaba no man a man. Na segunda metade, se ben o dominio estaba en botas ceenses as ocasións viñan por parte dos cormeláns ata que, a falta de cinco minutos para a fin do partido, o árbitro pitaba un penalti para o Cee por un empurrón de Rafa Valiña e que Leo non ía fallar.

O árbitro amosou cartón amarelo a Brais polo Corme. Tamén expulsou ó entrenador do Cee no minuto cinco da reanudación.

O Corme atópase noveno na clasificación con 27 puntos, os mesmos que Sofán, Camariñas e Baio.

[Liga de Veteráns]

1ª división: O Ponteceso perdeu fóra fronte o Corcubión por 4-1 co que só ten un punto tra-lo empate da semana pasada. Clique aquí para acceder á crónica do partido segundo ó punto de vista do propio equipo.

2ª división: Tamén caeu o Corme, na casa, diante do Club del Mar por 0-1 co que tamén posúe un só punto despois de dous partidos desputados.

[Xuvenís - Grupo Norte]

O Corme foi quen de vencer ó Coristanco fóra da casa por 1-2 poñéndose séptimo da clasificación con 20 puntos, os mesmos que o Soneira, dous por detrás do Camariñas.

O Ponteceso é quinto con 25 puntos tras cumpri-la súa xornada de descanso.

[Discapacitados visuais] Escoitar contido:

A balea varada no Niño do Corvo

Relato do despece e traslado a Ferrol da balea (Rorcual Común - Balaenoptera physalus) varada no Niño do Corvo en 2004 e relatado segundo a súa experiencia por membros da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), Delegación de Ferrol:

Apareceu sobre a area. Este animal, unha femia, varou no mes de marzal de 2004 en Ponteceso, nunha pequena praia cun dificil acceso chamada Niño do Corvo. O día 20 dese mes desprazámonos dende a SGHN, acodindo á chamada da CEMMA, para evaluar as condicións do animal e do lugar no que se atopaba.

A balea varada no Niño do Corvo

A balea varada no Niño do Corvo

Os compañeiros da CEMMA iniciaron o traballo de despece o día 26 de marzal de 2004 e nós continuámola o día seguinte. Dous grupos, de máis de dez persoas cada un, traballaron a xornada completa axudados nos dous días polos membros de Protección Civil e coa presenza e participación persoal do Concelleiro de Medio Ambiente de Ponteceso.

A inestimable axuda de todos eles permitiu dispoñer de man de obra e dalgunha maquinaria que foi preciso baixar á area cun helicóptero, dado o inaccesible da cala. Este servizo correu a cargo da Xunta de Galicia, que puxo dúas unidades, tanto para move-la maquinaria coma para a retirada dos ósos e da graxa, que tivo que facerse en todo momento polo aire.

A balea varada no Niño do Corvo

A balea varada no Niño do Corvo

Leer en español »

[Discapacitados visuais] Escoitar contido:

A asociación de empresarios de Ponteceso tentará dinamiza-lo comercio

A Asociación de Empresarios de Ponteceso vén de contratar un técnico por espazo dun ano coas axudas outorgadas pola Xunta e que será o encargado de traballar nos proxectos de futuro da entidade.

O primeiro deles, segundo o vicepresidente da entidade, José Santos, sería o de tentar por en marcha un mercado semanal baixo unha carpa que complemente a feira da Trabe. A carpa podería ser empregada tamén para actos festivos e culturáis que axuden a reforza-la movida en Ponteceso:

O técnico que acabamos de contratar coa axuda da Xunta vaise encargar de facer unha enquisa e de estudiar o funcionamento doutros mercados da zona para ver se se pode aplicar tamén esa fórmula en Ponteceso.

Noutros sitios a experiencia está funcionando, e aquí non ten por qué ser doutro xeito.

A debandita enquisa comezaría a se realiza-la vindeira semana e barállase a posibilidade de solicita-lo apoio do Concello no caso de que os comerciantes decidan seguir adiante coa iniciativa.

Santos aboga tamén por un maior asociacionismo

Existe a necesidade de que o comercio de Ponteceso funcione como unha especie de Centro Comercial Aberto, asociándose e actuando de forma conxunta á hora de facer ofertas, sortear agasallos, dar facilidades ós clientes, etc. Trataríase de camiñar xuntos para ver de aplicar ideas que están funcionando noutros lados e buscar cousas novedosas para incentivar á xente e facer que veña a mercar a Ponteceso, algo que tamén podería servir para atraer novos negocios e ampliar a oferta.

Promoción máis exhaustiva

A asociación estáse a prantexa-la posibilidade de editar unha revista de carácter publicitario na que os comercios adheridos á iniciativa poderían contar alomenos cunha páxina para expoñer ó público as súas ofertas e, en principio, convidaríase a participar na publicación ós 80 comercios que tomaron parte na pasada campaña de Nadal, aínda que se agarda que aparezan novos establecementos interesados neste tipo de promoción.

Campaña de Nadal

Cada negocio que participou na campaña de Nadal aportou á mesma 100 euros, cousa que permitiu o sorteo dun coche entre os clientes. O número afortunado foi o 87.657 e atopábase impreso nunha rifa repartida polo Videoclub Piruleta, pero polo de agora ninguén se presentou a reclama-lo premio.

Aproveitando internet

Dende 500P.com lembramos que seguimos coa man tendida ós comerciantes de Ponteceso para que non deixen de lado a opción máis barata e cun maior número potencial de clientes: internet. Calquera comercio do concello ten a posibilidade de empregar sitio na nosa web completamente de balde para promociona-los seus productos ou servizos, mesmo poñendo fotos. Os posibles interesados tan só deben porse en contacto con nós para trata-lo asunto.

[Discapacitados visuais] Escoitar contido:

Campaña de Esquí 2008

Os rapaces de entre 10 e 13 anos empadroados no Concello poderán participar nas expedicións á neve que organiza a Deputación da Coruña, concretamente no sexto turno que comprende a semana do 1 ó 8 de marzal. A excursión, pola que haberá que abonar 95 euros inclúe o desprazamento en avión, aloxamento e manutención na estación invernal de Serra Nevada, en Granada. Os interesados poden inscribirse no Concello de Ponteceso (981 714 000) ou na Oficina Municipal de Corme (981 738 428) para desfrutar dalgunha das oito prazas dispoñibles. No caso de que as solicitudes superen o número de prazas o Concello efectuará un sorteo para adxudicalas.

[Discapacitados visuais] Escoitar contido:

O porto de Valarés e o wolframio alemán

Un suceso importante na Segunda Guerra Mundial acontecido nas costas galegas, en relación ós U-Boot, foi o traslado de wolframio cara Alemania. Este material era imprescindible para lle dar a dureza precisa ó aceiro co que se construían os barcos e, sobre todo, os blindados, necesitando unha maquinaria e un proceso moi complexo para a súa extracción. En Galicia estaba perfectamente asumido ese transporte que se realizaba dende varios sitios. Un deles foi Rande, nas proximidades de Vigo, onde aínda é visible o antigo embarcadoiro para o mineral procedente das minas de Fontao, en Lalín.

Valarés

Pero o máis famoso cargadeiro de wolframio foi o da Praia de Valarés, en Ponteceso, nunha pequena enseada na que os alemáns construiron un forte peirao que aínda se conserva en perfectas condicións. Os camións baixaban pola entón perigosa estrada levando o preciado mineral dende as minas de Monte Neme, en Carballo, lugar considerado como sacro polas antigas poboacións castrexas.

Sobre o peirao existía un grande almacén con numerosa maquinaria no seu interior, así como varias edificacións anexas para os traballadores e tripulación dos buques. Aínda hoxe en día se aprecian os pisos destas casas. No lugar ocupado polo almacén hai agora un restaurante e a zona, dunha beleza enorme, converteuse de praia recóndita a sitio moi frecuentado no verán.

Valarés

O transporte de mineral transformou a comarca, depauperada coma o resto de España pola Guerra Civil, nunha zona de novos ricos na que os cartos corrían de xeito abundante gracias ós pagos dos alemáns.

Os aliados, principalmente os británicos, tendo coñecemento desta actividade, merodeaban polas nosas costas cos seus avións e submarinos sabedores da importancia do transporte deste estratéxico mineral que mesmo tentaron deter por vía diplomática.

FONTE: Foro Militar Internacional, usuario Víctor-Eco / IMAXES: 500P.com

[Discapacitados visuais] Escoitar contido:

Iniciativa: Maratón Costa de Xaneiro

Tres rapaces de Ponteceso de dezaseis anos, Jorge Pérez Montáns, Fabián Álvarez Collazo e Xabi Herranz Domínguez, decidiron por iniciativa propia crear o que eles denominan Maratón Costa de Xaneiro, un desafío lúdico-deportivo consistente nunha carreira entre a praza do Relleno de Ponteceso e a praia de Malpica que terá lugar o vindeiro sábado ás oito da mañán. Non haberá premio, por canto o obxectivo é ver se son quenes de acada-la meta, e animan a participar na maratón a calquera que se sinta con gañas. ¿Animaráse alguén máis a participar?

[Discapacitados visuais] Escoitar contido:

Preocupación na Asociación de Veciños pola vaga de roubos en Corme

O presidente da AVV Eduardo Pondal de Corme, José Manuel Ferreiro Chans, dirixiuse ó alcalde e á Garda Civil de Ponteceso para lles trasladar a preocupación dos cormeláns pola vaga de roubos que parece non remitir en Corme. E máis cando a maioría dos veciños insisten en acusar a “un rapaz procedente dunha familia desestructurada e que sempre foi moi conflictivo” como presunto autor dos asaltos que se cometen en casas de anciáns cando estes se ausentan das súas vivendas. Ferreiro solicitou un maior esforzo por parte das autoridades para evitar que a cousa empeore, aínda recoñecendo que é complicado pillar ó ladrón ”in fraganti”.

[Discapacitados visuais] Escoitar contido:

Liorta a conta dun transformador eléctrico en Corme

A última desputa política vén de producirse co gallo da ubicación dun transformador eléctrico en Corme e ten coma protagonistas ó goberno local, PP, e ó BNG pontecesán.

Postura do Bloque, nun escrito presentado no Concello:

Afirman os nacionalistas que o alcalde enganou ós veciños cos que se reuniu o pasado venres xa que lles dixo que a ubicación do transformador dependía da Consellería de Industria cando o certo é que é o Concello o que lle propón á empresa eléctrica o sitio para a instalación e a Consellería só se encarga de outorga-la licenza. Pregúntase o BNG se a obra ha servir en realidade para mellora-lo suministro ou se, pola contra, ten algo que ver coa vindeira construcción da EDAR de Corme e con afollarlle custos ás empresas.

Interésanse tamén os edís do Bloque polas contraprestacións económicas que recibiría o Concello pola instalación do artefacto nun espacio público, do mesmo xeito que preguntan se non habería outras ubicacións mellores coma ó lado da Fonte da Ribeira, a pa da caseta da máquina do carro varadeiro, nun terreo colindante co da EDAR ou solicitando a FENOSA que alugue unha das casetas do peirao propiedade de Portos e que se atopan libres.

Resposta do alcalde na prensa:

Fondo Aguiar afirmou estar sorprendido polas acusacións do BNG e adicouse a desbaratalas todas. Sobre os terreos que se decidiron ceder afirmou que eran os únicos que dispón o Concello na zona e que contaron co beneplácito dos técnicos. Tamén asegurou comprende-la preocupación polos posibles perxuizos que as obras poderían causar nas casas próximas e que por iso se está a negociar agora un emprazamento alternativo con outras Administracións.

O alcalde tildou de “absurdas” as dúbidas do Bloque sobre da finalidade do transformador e acusounos de procurar somente “xaleo para que Corme siga con problemas eléctricos xusto agora que”, segundo di, “estamos moi preto de solucionalos”.

[Discapacitados visuais] Escoitar contido:

Un pontecesán na Olimpiada Galega de Bioloxía

O vindeiro venres un estudiante de segundo de Bacharelato de Ponteceso participará, xunto con outros 62 alumnos da comunidade, na Olimpiada de Biloxía. Deberáse enfrontar a unha proba teórica de oitenta preguntas tipo test e unha práctica. Se se clasifica entre os tres primeiros recibirá un diploma acreditativo, unha cámara de fotos e unha bolsa de 600 euros para matricularse en calquera facultade de Galicia, amén de poder participar na fase nacional que se ha celebrar entre o 10 e 13 de abril en Gran Canaria. Se fora quen de quedar entre os catro primeiros clasificados podería acodir á Olimpiada Internacional de Bioloxía a celebrarse en xullo na India e, se quedase entre os finalistas participaría na Olimpiada Iberoamericana.

[Discapacitados visuais] Escoitar contido:

O IES de Ponteceso e o colexio Nosa Señora do Faro logran o premio Valora

Tanto o IES de Ponteceso coma o CRA Nosa Señora do Faro acadaron o premio Valora 2007/2009 sobre educación para a cultura da paz, cidadanía e convivenci, que lles outorga a cada un deles 3.000 euros para realiza-los proxectos presentados nun prazo de dous anos. O decreto foi publicado antonte no DOG.

[Discapacitados visuais] Escoitar contido:

Lenda: A Casa do Demo en Anllóns

A Casa do Demo é o nome co que se coñece a unha modesta vivenda rural da aldea de Anllóns que foi abandoada polos seus habitantes despois de ocorrer nela fenómenos para os que non foron atopadas explicacións. Aténdose ós informes sobre casas encantadas que existen ata o día de hoxe, éste sería dos primeiros “poltergeist” documentados na historia de España. Os feitos, que se convertiron en lenda, remóntanse ós meses finais de 1899 aínda que foi en maio de 1900 cando se fixeron públicos. Unha anciá chamada Juliana Rodríguez e a súa neta, María Cundíns, precisaron do auxilio dos veciños e da intercesión da Igrexa para se liberar dos fenómenos que na vivenda acontecían. Os estranos sucesos escomezaran poucos meses despois do pasamento do marido da anciá.

A antiga Casa do Demo

O párroco de San Félix de Anllóns, Juan Antonio Combarro, foi o primeiro en coñece-los sorprendentes sucesos por boca da propia Juliana. Consérvanse a día de hoxe copias dunha carta na que o crego describe a súa experiencia ó xornalista Prudencio Landín. Lembra Combarro cómo a comezos de febreiro de 1900 Juliana se achegara ata a rectoral para encarga-lo aniversario do seu marido, José García Pérez. Nada había de sorprendente na petición, de non ser polas razóns aducidas para que o acto se celebrase canto antes:

Tiña o temor de que ese descoido fose a causa das mil vexacións que viña sofrindo na súa persoa e domicilio, cousa que non contara a ninguén por medo a que o seu bo nome caera en descreto.

Na misiva queda patente o escepticismo inicial do crego:

Como era natural, considerei a súa narración como contos de vellas, tendo eu prevención contra semellantes narracións que en case a totalidade dos casos son suposicións de alucinados.

Pero non tardou en mudar de opinión cando, movido pola insistencia da anciá, achegouse a bendeci-la vivenda, chegando a comprobar cos seus propios ollos os feitos dos supostos espritos:

De sócato, cae ó chan ante os meus ollos unha pedriña con suave proxección; algo me alarmou e avivou a miña dilixencia para examina-la posibilidade dunha causa natural. Non se fixo agardar moito a caída doutra pedra que me fixo dubidar. Ó pouco cae a pa de min o pilón dunha romana e despois a empuñadura dun paraugas, trastos abandoados que non se sabía na casa que existisen. Para disipa-las miñas dúbidas, póusanse coma unhas seis ou sete patacas con suave proxección e que nunha lousa cáseque non se espallaron, sendo esféricas como é sabido, e con toda evidencia quedei convencido de que o asunto era prodixioso e de que as narracións da anciá e outros veciños eran verdade.

Dende entón Combarro xa non voltaría a poñer pé na casa aqueixado “por non sei qué temor”, aseguraba. Pero, non querendo deixar desamparadas a Juliana e a súa neta, emitiu un informe dirixido ó cardeal Arzobispo de Santiago, Martín de Herrera, solicitando a súa intervención. A Igrexa escomezaba a move-las súas engranaxes…

Crónicas xornalísticas

Prema para ampliar
Sección de anuncios de El Eco de Santiago: Diario de la Tarde
correspondente ó 30 de Xullo de 1900

Os sucesos da que ó pouco se deu en chamar A Casa do Demo ían de boca en boca. Na comarca non se falaba doutra cousa. El Eco de Santiago (1897-1938), un xornal moi popular naqueles anos, elaborou extensas e descriptivas crónicas sobre os tormentos ós que eran sometidas cáseque a diario Juliana e a súa neta. A primeira nova publicada por este rotativo aparecía o 19 de maio de 1900:

Á anciá tirábanlle do cabelo, da roupa ata racharlla, dábanlle cachetes, escupíanlle… Os que presenciaban os efectos só vían o movemento con forte tensión, pero sen o axente causante. Moitos, interesados en coñece-lo axente invisible, recollían as patacas, pedras, etc. e marcábanas. Sen velas desaparecer volvían de sócato partidas en dous co zugo fresco pola partedura. Desprendíase a porta do forno para vir bater no lombo da anciá, así coma as macetas, paus e outros obxectos. Certo día, tanto se xogou cunha maceta que a anciá ordeoulle á neta que a pechara na artesa e, nun intre, sen se abri-la artesa, xa estaba a xogar de novo a maceta.

Todo acontecía, segundo amosa o correspondente, perante os ollos de numerosas testemuñas. Algunhas, como o farmacéutico Severiano Mesías, ou o xuiz municipal señor Mosquera, son definidas nas crónicas como “persoas dignas de creto fóra de toda sospeita” que tiñan estes fenómenos por andrómenas.

Nos días posteriores á nova os sucesos foron a maiores ata acadar manifestacións especialmente violentas. Tanto a anciá como a súa neta, a quen durante a meirande parte do tempo non semellaron afecta-los feitos, eran zarandeadas e arrastradas polos pelos por unha forza invisible que, polo visto, tamén as sometía a tocamentos e o que aparentaban ser abusos sexuais. Segundo explica o relato do crego:

Notará vostede que nada lle dixen da nena. Xamáis se asustou, porque a ela nada lle facían, pero chegoulle a hora e foi alabazada e apedreada, e mesmo se lle botaron dúas cordas á gorxa formando unha lazada zarandeándoa pola cociña sen permitirlle berrar. Dende esto a nena está triste e chea de medo polo que lle poida acontecer.

Os sucesos de Anllóns tomaron tal notoriedade que finalmente o cardeal Martín de Herrera decidiu atende-las peticións do cura párroco Combarro e nomeou unha comisión para afondar no que alí sucedía. Lonxe do ámbito relixioso, o notario de Ponteceso, Vázquez Amarelle, desprazouse ó lugar para levantar acta do acontecido. Combarro conclúe que os sucesos finalizaron cando a anciá e maila neta abandoaron o lugar para iren vivir a “casas diferentes de familias honorables”. O seguinte que se sabe é que a anciá morreu meses despois e María Cundíns, súa neta, foi para América cuns parentes. A súa pista pérdese ahí.

Estranos habitantes

Dende entón a lenda negra quedou gravada a lume na memoria dos veciños de Anllóns. Os máis anciáns lembran que a vivenda non permaneceu de todo deshabitada dado que tivo estranos inquilinos. Cóntase que durante a Guerra Civil os “maquis” pasaban a noite nela ó parecerlles lugar seguro para evadi-los controis da Garda Civil por mor da súa fama de lugar maldito. Tamén se fala dun home maldito, vestido con roupas de monxe e que levaba colgadas un amplo repertorio de medallas, estampas relixiosas e escapularios, que foi acollido na vivenda a principios dos anos sesenta. Este inquedante hermidaño tivo unha tráxica fin acorde coa lenda, ó morrer atropelado por un automóbil cando camiñaba pola estrada. Xa en tempos máis achegados foron os nenos quenes o adoptaron como lugar para os seus xogos gabeando polo interior dos muros para saltar sobre os monllos de palla que había no solar.

Actualidade

Despois de moitos anos emigrado, Javier Nogueira desexaba mercar unha casa en Galicia para voltar a conectar coas súas raíces. Na compaña de Mari Carmen, quen o criara cando era un neno, desprazouse por diversos puntos da comunidade para procura-lo lugar ideal:

Estivemos pola zona de Anllóns visitando casas rurais en venda. Nun momento dado propúxome ve-la Casa do Demo co que seu marido dixo no intre “¿Cómo o vas levar ve-la Casa do Demo?” ó que eu respostei “Ben, se é bonita levádeme”. Falei con Magdalena, a anterior propietaria, e contoume que estivera encantada ía moitos anos, pero que agora xa non pasaba nada.

A Casa do Demo

O certo é que, ata a chegada de Nogueira, a parcela onde se sitúa a vivenda pasou por mans de diversos propietarios e ningún deles deu o paso para rehabilita-la casa e facela habitable. Él encargouse de adecenta-lo inmoble como lugar de hospedaxe. Javier Nogueira relata o achádego dun estrano obxecto:

É unha pedra que estaba metida dentro do muro frontal da casa. Os muros de toda a vivenda son de pedra sedimentaria que se tirou do monte, pero debaixo dese muro, na base, atopamos unha pedra que non casaba con ningunha outra, redonda e semellante a unha pataca. Púxena sobre unha mesa e quedou aí como unha reliquia curiosa.

FONTE: Jesús Blanco

[Discapacitados visuais] Escoitar contido: