Ponteceso na Rede

Lenda: A Casa do Demo en Anllóns

A Casa do Demo é o nome co que se coñece a unha modesta vivenda rural da aldea de Anllóns que foi abandoada polos seus habitantes despois de ocorrer nela fenómenos para os que non foron atopadas explicacións. Aténdose ós informes sobre casas encantadas que existen ata o día de hoxe, éste sería dos primeiros “poltergeist” documentados na historia de España. Os feitos, que se convertiron en lenda, remóntanse ós meses finais de 1899 aínda que foi en maio de 1900 cando se fixeron públicos. Unha anciá chamada Juliana Rodríguez e a súa neta, María Cundíns, precisaron do auxilio dos veciños e da intercesión da Igrexa para se liberar dos fenómenos que na vivenda acontecían. Os estranos sucesos escomezaran poucos meses despois do pasamento do marido da anciá.

A antiga Casa do Demo

O párroco de San Félix de Anllóns, Juan Antonio Combarro, foi o primeiro en coñece-los sorprendentes sucesos por boca da propia Juliana. Consérvanse a día de hoxe copias dunha carta na que o crego describe a súa experiencia ó xornalista Prudencio Landín. Lembra Combarro cómo a comezos de febreiro de 1900 Juliana se achegara ata a rectoral para encarga-lo aniversario do seu marido, José García Pérez. Nada había de sorprendente na petición, de non ser polas razóns aducidas para que o acto se celebrase canto antes:

Tiña o temor de que ese descoido fose a causa das mil vexacións que viña sofrindo na súa persoa e domicilio, cousa que non contara a ninguén por medo a que o seu bo nome caera en descreto.

Na misiva queda patente o escepticismo inicial do crego:

Como era natural, considerei a súa narración como contos de vellas, tendo eu prevención contra semellantes narracións que en case a totalidade dos casos son suposicións de alucinados.

Pero non tardou en mudar de opinión cando, movido pola insistencia da anciá, achegouse a bendeci-la vivenda, chegando a comprobar cos seus propios ollos os feitos dos supostos espritos:

De sócato, cae ó chan ante os meus ollos unha pedriña con suave proxección; algo me alarmou e avivou a miña dilixencia para examina-la posibilidade dunha causa natural. Non se fixo agardar moito a caída doutra pedra que me fixo dubidar. Ó pouco cae a pa de min o pilón dunha romana e despois a empuñadura dun paraugas, trastos abandoados que non se sabía na casa que existisen. Para disipa-las miñas dúbidas, póusanse coma unhas seis ou sete patacas con suave proxección e que nunha lousa cáseque non se espallaron, sendo esféricas como é sabido, e con toda evidencia quedei convencido de que o asunto era prodixioso e de que as narracións da anciá e outros veciños eran verdade.

Dende entón Combarro xa non voltaría a poñer pé na casa aqueixado “por non sei qué temor”, aseguraba. Pero, non querendo deixar desamparadas a Juliana e a súa neta, emitiu un informe dirixido ó cardeal Arzobispo de Santiago, Martín de Herrera, solicitando a súa intervención. A Igrexa escomezaba a move-las súas engranaxes…

Crónicas xornalísticas

Prema para ampliar
Sección de anuncios de El Eco de Santiago: Diario de la Tarde
correspondente ó 30 de Xullo de 1900

Os sucesos da que ó pouco se deu en chamar A Casa do Demo ían de boca en boca. Na comarca non se falaba doutra cousa. El Eco de Santiago (1897-1938), un xornal moi popular naqueles anos, elaborou extensas e descriptivas crónicas sobre os tormentos ós que eran sometidas cáseque a diario Juliana e a súa neta. A primeira nova publicada por este rotativo aparecía o 19 de maio de 1900:

Á anciá tirábanlle do cabelo, da roupa ata racharlla, dábanlle cachetes, escupíanlle… Os que presenciaban os efectos só vían o movemento con forte tensión, pero sen o axente causante. Moitos, interesados en coñece-lo axente invisible, recollían as patacas, pedras, etc. e marcábanas. Sen velas desaparecer volvían de sócato partidas en dous co zugo fresco pola partedura. Desprendíase a porta do forno para vir bater no lombo da anciá, así coma as macetas, paus e outros obxectos. Certo día, tanto se xogou cunha maceta que a anciá ordeoulle á neta que a pechara na artesa e, nun intre, sen se abri-la artesa, xa estaba a xogar de novo a maceta.

Todo acontecía, segundo amosa o correspondente, perante os ollos de numerosas testemuñas. Algunhas, como o farmacéutico Severiano Mesías, ou o xuiz municipal señor Mosquera, son definidas nas crónicas como “persoas dignas de creto fóra de toda sospeita” que tiñan estes fenómenos por andrómenas.

Nos días posteriores á nova os sucesos foron a maiores ata acadar manifestacións especialmente violentas. Tanto a anciá como a súa neta, a quen durante a meirande parte do tempo non semellaron afecta-los feitos, eran zarandeadas e arrastradas polos pelos por unha forza invisible que, polo visto, tamén as sometía a tocamentos e o que aparentaban ser abusos sexuais. Segundo explica o relato do crego:

Notará vostede que nada lle dixen da nena. Xamáis se asustou, porque a ela nada lle facían, pero chegoulle a hora e foi alabazada e apedreada, e mesmo se lle botaron dúas cordas á gorxa formando unha lazada zarandeándoa pola cociña sen permitirlle berrar. Dende esto a nena está triste e chea de medo polo que lle poida acontecer.

Os sucesos de Anllóns tomaron tal notoriedade que finalmente o cardeal Martín de Herrera decidiu atende-las peticións do cura párroco Combarro e nomeou unha comisión para afondar no que alí sucedía. Lonxe do ámbito relixioso, o notario de Ponteceso, Vázquez Amarelle, desprazouse ó lugar para levantar acta do acontecido. Combarro conclúe que os sucesos finalizaron cando a anciá e maila neta abandoaron o lugar para iren vivir a “casas diferentes de familias honorables”. O seguinte que se sabe é que a anciá morreu meses despois e María Cundíns, súa neta, foi para América cuns parentes. A súa pista pérdese ahí.

Estranos habitantes

Dende entón a lenda negra quedou gravada a lume na memoria dos veciños de Anllóns. Os máis anciáns lembran que a vivenda non permaneceu de todo deshabitada dado que tivo estranos inquilinos. Cóntase que durante a Guerra Civil os “maquis” pasaban a noite nela ó parecerlles lugar seguro para evadi-los controis da Garda Civil por mor da súa fama de lugar maldito. Tamén se fala dun home maldito, vestido con roupas de monxe e que levaba colgadas un amplo repertorio de medallas, estampas relixiosas e escapularios, que foi acollido na vivenda a principios dos anos sesenta. Este inquedante hermidaño tivo unha tráxica fin acorde coa lenda, ó morrer atropelado por un automóbil cando camiñaba pola estrada. Xa en tempos máis achegados foron os nenos quenes o adoptaron como lugar para os seus xogos gabeando polo interior dos muros para saltar sobre os monllos de palla que había no solar.

Actualidade

Despois de moitos anos emigrado, Javier Nogueira desexaba mercar unha casa en Galicia para voltar a conectar coas súas raíces. Na compaña de Mari Carmen, quen o criara cando era un neno, desprazouse por diversos puntos da comunidade para procura-lo lugar ideal:

Estivemos pola zona de Anllóns visitando casas rurais en venda. Nun momento dado propúxome ve-la Casa do Demo co que seu marido dixo no intre “¿Cómo o vas levar ve-la Casa do Demo?” ó que eu respostei “Ben, se é bonita levádeme”. Falei con Magdalena, a anterior propietaria, e contoume que estivera encantada ía moitos anos, pero que agora xa non pasaba nada.

A Casa do Demo

O certo é que, ata a chegada de Nogueira, a parcela onde se sitúa a vivenda pasou por mans de diversos propietarios e ningún deles deu o paso para rehabilita-la casa e facela habitable. Él encargouse de adecenta-lo inmoble como lugar de hospedaxe. Javier Nogueira relata o achádego dun estrano obxecto:

É unha pedra que estaba metida dentro do muro frontal da casa. Os muros de toda a vivenda son de pedra sedimentaria que se tirou do monte, pero debaixo dese muro, na base, atopamos unha pedra que non casaba con ningunha outra, redonda e semellante a unha pataca. Púxena sobre unha mesa e quedou aí como unha reliquia curiosa.

FONTE: Jesús Blanco

[Discapacitados visuais] Escoitar contido:

Opinións

  1. Isabel Mosqueira dixo o Luns 17 ás 22:15h.:

    Buenas noches,

    soy la biznieta del juez de paz de Allones de aquella dé época, se apellidaba Mosqueira no Mosquera.
    saludos.

Publique a súa opinión: