Ponteceso na Rede

O porto de Valarés e o wolframio alemán

Un suceso importante na Segunda Guerra Mundial acontecido nas costas galegas, en relación ós U-Boot, foi o traslado de wolframio cara Alemania. Este material era imprescindible para lle dar a dureza precisa ó aceiro co que se construían os barcos e, sobre todo, os blindados, necesitando unha maquinaria e un proceso moi complexo para a súa extracción. En Galicia estaba perfectamente asumido ese transporte que se realizaba dende varios sitios. Un deles foi Rande, nas proximidades de Vigo, onde aínda é visible o antigo embarcadoiro para o mineral procedente das minas de Fontao, en Lalín.

Valarés

Pero o máis famoso cargadeiro de wolframio foi o da Praia de Valarés, en Ponteceso, nunha pequena enseada na que os alemáns construiron un forte peirao que aínda se conserva en perfectas condicións. Os camións baixaban pola entón perigosa estrada levando o preciado mineral dende as minas de Monte Neme, en Carballo, lugar considerado como sacro polas antigas poboacións castrexas.

Sobre o peirao existía un grande almacén con numerosa maquinaria no seu interior, así como varias edificacións anexas para os traballadores e tripulación dos buques. Aínda hoxe en día se aprecian os pisos destas casas. No lugar ocupado polo almacén hai agora un restaurante e a zona, dunha beleza enorme, converteuse de praia recóndita a sitio moi frecuentado no verán.

Valarés

O transporte de mineral transformou a comarca, depauperada coma o resto de España pola Guerra Civil, nunha zona de novos ricos na que os cartos corrían de xeito abundante gracias ós pagos dos alemáns.

Os aliados, principalmente os británicos, tendo coñecemento desta actividade, merodeaban polas nosas costas cos seus avións e submarinos sabedores da importancia do transporte deste estratéxico mineral que mesmo tentaron deter por vía diplomática.

FONTE: Foro Militar Internacional, usuario Víctor-Eco / IMAXES: 500P.com

[Discapacitados visuais] Escoitar contido:

Publique a súa opinión: