Ponteceso na Rede

A asociación de empresarios de Ponteceso tentará dinamiza-lo comercio

A Asociación de Empresarios de Ponteceso vén de contratar un técnico por espazo dun ano coas axudas outorgadas pola Xunta e que será o encargado de traballar nos proxectos de futuro da entidade.

O primeiro deles, segundo o vicepresidente da entidade, José Santos, sería o de tentar por en marcha un mercado semanal baixo unha carpa que complemente a feira da Trabe. A carpa podería ser empregada tamén para actos festivos e culturáis que axuden a reforza-la movida en Ponteceso:

O técnico que acabamos de contratar coa axuda da Xunta vaise encargar de facer unha enquisa e de estudiar o funcionamento doutros mercados da zona para ver se se pode aplicar tamén esa fórmula en Ponteceso.

Noutros sitios a experiencia está funcionando, e aquí non ten por qué ser doutro xeito.

A debandita enquisa comezaría a se realiza-la vindeira semana e barállase a posibilidade de solicita-lo apoio do Concello no caso de que os comerciantes decidan seguir adiante coa iniciativa.

Santos aboga tamén por un maior asociacionismo

Existe a necesidade de que o comercio de Ponteceso funcione como unha especie de Centro Comercial Aberto, asociándose e actuando de forma conxunta á hora de facer ofertas, sortear agasallos, dar facilidades ós clientes, etc. Trataríase de camiñar xuntos para ver de aplicar ideas que están funcionando noutros lados e buscar cousas novedosas para incentivar á xente e facer que veña a mercar a Ponteceso, algo que tamén podería servir para atraer novos negocios e ampliar a oferta.

Promoción máis exhaustiva

A asociación estáse a prantexa-la posibilidade de editar unha revista de carácter publicitario na que os comercios adheridos á iniciativa poderían contar alomenos cunha páxina para expoñer ó público as súas ofertas e, en principio, convidaríase a participar na publicación ós 80 comercios que tomaron parte na pasada campaña de Nadal, aínda que se agarda que aparezan novos establecementos interesados neste tipo de promoción.

Campaña de Nadal

Cada negocio que participou na campaña de Nadal aportou á mesma 100 euros, cousa que permitiu o sorteo dun coche entre os clientes. O número afortunado foi o 87.657 e atopábase impreso nunha rifa repartida polo Videoclub Piruleta, pero polo de agora ninguén se presentou a reclama-lo premio.

Aproveitando internet

Dende 500P.com lembramos que seguimos coa man tendida ós comerciantes de Ponteceso para que non deixen de lado a opción máis barata e cun maior número potencial de clientes: internet. Calquera comercio do concello ten a posibilidade de empregar sitio na nosa web completamente de balde para promociona-los seus productos ou servizos, mesmo poñendo fotos. Os posibles interesados tan só deben porse en contacto con nós para trata-lo asunto.

[Discapacitados visuais] Escoitar contido:

Publique a súa opinión: