Ponteceso na Rede

Arquivo de ‘Actividades’

Campaña de Esquí 2008

Os rapaces de entre 10 e 13 anos empadroados no Concello poderán participar nas expedicións á neve que organiza a Deputación da Coruña, concretamente no sexto turno que comprende a semana do 1 ó 8 de marzal. A excursión, pola que haberá que abonar 95 euros inclúe o desprazamento en avión, aloxamento e manutención na estación invernal de Serra Nevada, en Granada. Os interesados poden inscribirse no Concello de Ponteceso (981 714 000) ou na Oficina Municipal de Corme (981 738 428) para desfrutar dalgunha das oito prazas dispoñibles. No caso de que as solicitudes superen o número de prazas o Concello efectuará un sorteo para adxudicalas.

[Discapacitados visuais] Escoitar contido:

Cabalgatas de Reis en Ponteceso e Corme

Reis Magos - Foto: happy-mamiHoxe, sábado día 5, os pequechos do concello poderán desfrutar da visita das Súas Maxestades Máxicas, horas antes de que os Magos se introduzan con nocturnidade nas casas da veciñanza para deposita-los agasallos dos nenos que se portaron ben durante o ano. Segundo un comunicado emitido hoxe polo Departamento de Prensa da Casa dos Reis Magos, no ano 2007 tódolos nenos e nenas de Ponteceso tiveron un bo comportamento co que obteñen o dereito de amence-lo día seis con cadanseu agasallo, alomenos un por neno. Noraboa, rapaces.

Cabalgatas:

Así pois, os Reis Magos achegaránse primeiro ata Corme: a iso das cinco da tarde sairá a comitiva real do Salto da Costa cara a Praza do Pan. En caso de choiva, reis e nenos irán cara o baixo da Asociación de Veciños na mesma Praza do Pan.

Logo visitarán Ponteceso sobre as seis da tarde con partida dende Tella para encamiñarse cara a Praza do Recheo da Ponte e rematar na Asociación Cultural Río Anllóns. Se chove a esgalla, a comitiva real dirixiráse directamente cara a Asociación.

Os Reis tamén farán un hoco na súa axenda para achegarse á festa que lles teñen preparada no local social da Campara: a partires das seis haberá bandas de gaitas, a de Malpica e a da asociación A Coteleira, así coma os grupos de baile da propia asociación.

Será na tarde de mañán, domingo 6, cando os Reis Magos poidan achegarse ata O Couto para participar na cabalgata que os levará por Lestemoño, Carballido, Cerezo e chagada ó Couto, onde aproveitarán para ve-lo tradicional Belén vivinte na Casa dos Veciños, que nestas datas cumpre os 25 anos.

No caso de que os Reis Magos teñan tempo de se achegar a outras parroquias do concello publicarémolo aquí no intre de recibi-la información.

Como os maiores tamén teñen dereito, o Clube de Pensionistas e Xubilados da Casa do Mar de Corme conmemorará mañán a Epifanía cunha merenda baseada en pinchos e fabada para os asociados a partires das sete e media do serán. A amenización da velada correrá por conta de Jesús Méndez Torrado.

[Discapacitados visuais] Escoitar contido:

Cine infantil en Ponteceso

Esta tarde, a partires das sete na AC Río Anllóns de Ponteceso o Concello ha proxecta-lo filme animado “Ratatouille”. Mañán será o turno de Corme co mesmo filme no pavillón municipal ás sete e media.

Ratatoullie en Ponteceso

[Discapacitados visuais] Escoitar contido:

Cine de Nadal en Corme e Ponteceso

O Concello programou tardes de cine para os vindeiros 27 e 28 de decembro así coma o 3 e 4 de xaneiro con proxeccións no pavillón municipal de Corme e máis no local da AC Río Anllóns en Ponteceso. Tódalas proxeccións escomezarán ás sete da tarde se ben non foron comunicadas as películas en cuestión.

[Discapacitados visuais] Escoitar contido:

Campionato de futbolín de Galiza Nova no Abeiro

Campionato de futbolín de Galiza NovaGaliza Nova vai celebrar o vindeiro venres, día 21 de decembro, no bar Abeiro de Ponteceso a partires das dez da noite un campionato de futbolín con inscrición de balde, premios e troula.

O obxectivo, segundo as xuventudes do Bloque, é o de “ir quencendo motores” de cara ó partido da selección galega absoluta no seu terceiro encontro, desta vez fronte Camerún, e máis a estrea da feminina fronte Cataluña, que se han celebrar en Vigo no estadio de Balaídos na tarde do día 27.

Os interesados en participar no campionato de futbolín pódense apuntar no propio bar.

[Discapacitados visuais] Escoitar contido:

Actividades do Concello para a fin de semana

Estas son as actividades que o Concello de Ponteceso ten preparadas para o lecer desta fin de semana:

  1. Representación teatral que porá fin ó XIV Ciclo de Teatro do Concello de Ponteceso, que se celebrará mañán ás 22:00 horas na A.C. Río Anllóns: Quadreterapia, da compañía Cabaret Manicómico.
  2. Os rapaces do concello acoden, mañán sábado, á actividade de “Campo a través” na Coruña.
  3. Tamén haberá unha visita ó estadio de Riazor o vindeiro domingo para ver o partido Dépor-Zaragoza.
[Discapacitados visuais] Escoitar contido:

Presentado o cartel co programa para a celebración do centenario do Himno

Á marxe das xornadas para profesores que se ha celebrar no Couto, o Concello de Ponteceso organiza para a mañán do día 20 de decembro, xoves, diversas actividades, cartel das mesmas xa foi presentado (prema na imaxe para velo con máis detalle):

Clique para ampliar

[Discapacitados visuais] Escoitar contido:

Abertas as inscricións para a cea-baile dos xubilados de Corme

O Clube de xubilados de Corme Porto organiza unha cea-baile amenizada por Suso Méndez para o vindeiro día 5 de xaneiro e á que poden asistir quenes desexen tras apuntarse no local do clube en horario de tarde e pagar unha cota de 9 euros. A cea do clube de xubilados de Corme Aldea será o vindeiro domingo día 16 de decembro.

[Discapacitados visuais] Escoitar contido:

Anuncio de dúas novas actividades organizadas polo Concello

O Concello de Ponteceso anuncia a organización de dúas novas actividades, unha no eido deportivo e outra no informático:

Escola de informática:

Está aberto o prazo para os cursos da Escola de Informática do Concello de Ponteceso, “Iniciación á informática” e “Ofimática”. Todos os interesados poden inscribirse e pedir máis información na O.M.I.X en Ponteceso (T. 981 714 622) ou na Oficina Municipal en Corme (T. 981 714 622). Os cursos celebraranse en Corme e Ponteceso.

Asistencia ó partido Deportivo-Zaragoza:

Está programada unha visita ó estadio de Riazor para ver o partido Deportivo-Zaragoza, o vindeiro 16 de Nadal ás 17.00h.
Hai 50 prazas para rapaces de 8 a 18 anos con saída ás 15:15 horas. Terán preferencia os empadroados no Concello de Ponteceso por riguroso orde de inscrición e ata o 14 de Nadal, ás 12:00 horas.

Para inscribirse poden facelo, coa autorización dos pais cuberta na Oficina Municipal de Corme ou no Departamento de Deportes, nas dependencias municipais.

[Discapacitados visuais] Escoitar contido:

Actividades para hoxe en Ponteceso

Hoxe ás 19:30 horas da tarde na  A.C. Río Anllóns, o grupo de teatro Vagalume representará  “A Bela non durminte”, unha obra de teatro de 45 minutos de duración, interpretada por nenos de 5 a 11 anos de idade e dirixida a toda a familia e tódolos públicos.

Posteriormente, ás 22:30 horas, actuará a compañía de danza As Dríadas con “Móve-t”, onde se mistura a danza moderna e o hip-hop nun evento dirixído especialmente ó público xuvenil. Tamén se levará a cabo na Asociación Cultural Río Anllóns coa organización do Concello de Ponteceso.

[Discapacitados visuais] Escoitar contido:

Programación de Nadal da A.C. Monte Branco

De seguido, o programa de actividades e eventos culturais que a Asociación Cultural Monte Branco do Couto ten preparadas para o Nadal:

Do 18 ó 20 de decembro celebraránse na Casa dos Veciños as xornadas do centenario do Himno.

O 22 de decembro a coral da asociación participará no certame que organiza o Concello.

En Noiteboa os nenos dos grupos de música tradicional percorrerán as casas do Couto para felicitarlle-las festas ós veciños entonando panxoliñas.

No Cabodano haberá lumes de artificio e baile a cargo do grupo Época.

O día 2 de xaneiro os cativos sairán de excursión a Carballo para desfrutar de cine, música e máis da pista de patinaxe sobre xeo.

O día de Reis haberá unha cabalgata que rematará na Casa dos Veciños onde se poderá ver instalado un Belén vivinte.

O día 27 de xaneiro celebraránse as festas patronais en honra de San Tirso cunha sesión vermú e máis unha obra teatral.

[Discapacitados visuais] Escoitar contido:

Ciclo de cine de humor en Corme

Esta noite, ás dez, arrinca na Casa do Mar de Corme un novo ciclo de humor organizado pola AVV Eduardo Pondal para o mes de decembro. O primeiro filme será “Ser o no ser”, película dirixida por Ernest Lubitch no ano 1942.

Sinopse: Segunda Guerra Mundial, Varsovia, durante a ocupación alemana. O profesor Siletsky, un espía ó servizo da Gestapo, está a piques de facer entrega dunha lista co nome dos colaboradores da resistencia. Joseph Tura, un actor polaco, tentará soluciona-la situación coa axuda dos actores da súa compañía facéndose pasar polo cruel coronel Erhardt e polo propio Siletsky para entrar no cuartel xeral das SS.

[Discapacitados visuais] Escoitar contido:

Campo a través na Coruña

Dende o Concello informan dunha proba de campo a través que se ha celebrar na Coruña:

O sábado 15 de decembro pola mañá, celebrarase a primeira proba de campo a través na Coruña.

As escolas deportivas municipais do Concello de Ponteceso van participar, polo que informo a todos aqueles rapaces/zas nados entre o 1992 e o 2000, que estén interesados/as en participar que se poden apuntar no departamento de deportes, na oficina municipal de Corme ou nas actividades deportivas municipais.

Categorías e distancias da proba: benxamíns (00, 99 e 98): 500 metros
alevíns (96-97): 600m (feminino), 800m (masculino)
infantís (94-95): 800m. (fem.), 1.300m (masc.)
cadetes (92-93): 1.800m. (fem.), 3.500m. (masc..)

Os/as rapaces/zas que queiran participar teñen que presentar a autorización cuberta e firmada antes do 12 de decembro ás 12:00 horas.

Os horarios das probas, así como o de saída e chegada do bus comunicarase a partir do xoves 13, aos inscritos.

Para calquera aclaración dirixirse ao Departamento de Deportes. Telf. 981714000

[Discapacitados visuais] Escoitar contido:

Abertas as inscricións para o Campus de Baloncesto “Costa Bergantiñá”

Abriuse o prazo de inscición para o Campus de Baloncesto “Costa Bergantiñá” que se ha celebrar do 25 ó 27 de decembro, de dez da mañán a dúas da tarde, e no que se desenrolarán actividades para a mellora técnica-táctica así como a desputa dunha competición interna e máis entrega de agasallos. Os rapaces de 7 a 14 anos que se queiran inscribir poderán facelo ata o mércores 19 de decembro ás dez da mañán aportando os dez euros da cota ata cubri-las 12 prazas ofertadas. Para máis información pode chamar ó Departamento de Deportes do Concello de Ponteceso a través do 981 714 000.

[Discapacitados visuais] Escoitar contido:

Actividades para a celebración do centenario do Himno

100 anos do Himno Galego 1097-2007O 20 de decembro, co gallo da celebración do centenario do Himno Galego, o Concello desenvolverá unha serie de actividades co seguinte programa de actos:

Ás 11:00 horas será a recepción dos colexios no Campo da Feira na Trabe.

Posteriormente haberá un pasarrúas a cargo da Banda de Música Eduardo Pondal ata a praza do Recheo.

Ás 11:30 horas celebraráse un recital de poemas a cargo dos colexios particpantes no evento con presentación a cargo de Xurxo Souto. Os colexios participantes deberán confirma-la súa presenza na dirección de correo electrónico relacionprensa @ ponteceso.net.

Por último, ás 12:15 horas procederáse á interpretación do himno galego con Susana Seivane acompanada de voz e boutzuki.

[Discapacitados visuais] Escoitar contido:

Cea cas Amas de Casa de Ponteceso

A Asociación de Amas de Casa de Ponteceso vai celebrar unha cea-baile o vindeiro sábado 8 de decembro no restaurante A Lagoa de Vimianzo. Os interesados en participar han pasarse pola tenda Biquiños antes do día 4 ou ben o xoves polo local da Asociación.

[Discapacitados visuais] Escoitar contido:

Excursión a Vigo coa Coral San Eleuterio de Tella

A coral polifónica San Eleuterio de Tella, volve a ser elixida para actuar no Festival de Panxoliñas, organizado pola Fundación Caixa Nova, en Vigo. Convidamos a todo aquel que queira acompañarnos. A viaxe sae de balde mentras non superemos as plazas do autocar. Logo, convén reservar praza. Pódese facer mediante un mail a: cantatella @ gmail.com, poñéndose en contacto con calquer membro da coral, deixando unha mensaxe neste blog, antes do día 5 de decembro, logo que a actuación será o día 8 de decembro. Saída de Tella as 10 horas e regreso ás 11 horas do serán, dando un paseo, logo dun bo xantar, pola cidade de Vigo.

[Visitar sitio web da Coral]

[Discapacitados visuais] Escoitar contido:

Actividades para a prevención da SIDA en Ponteceso

O día 1 de decembro de 2007 celébrase o Día Mundial da SIDA, polo que o concello de Ponteceso pon en marcha unha campaña de prevención do VIH/SIDA que consiste en repartir e colocar polo concello (centro médico, paneis informativos, oficinas municipais, concello e  IES) carteis e folletos informativos sobre o tema facilitados pola Xunta de Galicia. Tamén se distribúe información e preservativos a cada un dos alumnos que cursan o bacharelato, ciclos formativos e educación de adultos no I.E.S. de Ponteceso.

[Discapacitados visuais] Escoitar contido:

Rematou o “Planetario Viaxeiro”

Onte rematou o Planetario Viaxeiro organizado polo Concello co patrocinio da Obra Social da Fundación La Caixa que se desenrolou durante unha semana na A.C. Río Anllóns de Ponteceso e foi visitada por distintos colexios de Ponteceso, Corme e Cabana. A imaxe corresponde ós alumnos do CRA Os Remuíños de Cabana:

Prema para ampliar

[Foto cedida polo Concello de Ponteceso]

[Discapacitados visuais] Escoitar contido:

O Planetario Viaxeiro na Ac Río Anllóns

Dente a tarde de onte atópase instalado na A.C Río Anllóns O planetario Viaxeiro, actividade organizada polo Concello de Ponteceso (Concellaría de Cultura), na que colabora a entidade Obra Social, Fundación “la Caixa”.
 
Esta actividade consiste na intalación dun espazo astronómico interactivo con fins didácticos sobre astroloxía e astronomía, que será instalado na asociación cultural río anllóns ata Mércores 21 de Novembro de 2007.
 
O horario para escolares é de 09.00h a 12.30h (visitas concertadas previamente dende o Departamento de Cultura). Para novas visitas de grupos ou individuais, poñerse en contacto coa Técnica de Cultura no número 981 714 622.
 
Este planetario tratará de achegar o ceo ós mozos e mozas do Concello de Ponteceso e Cabana que asistirán por turnos ás sesions que cada mañá habilitará o Concello de Ponteceso.
 
Este planetario permite recuperar, sen grandes imaxes, o encanto dunha noite calquera, como a que se pode vivir nos tellados ou nas praias, vendo como se moven as estrelas, revivindo historias mitolóxicas das constelacións, seguindo o aspecto cambiante da lúa, identificando planetas.

[Discapacitados visuais] Escoitar contido: