Ponteceso na Rede

Arquivo de ‘Opinión’

¡Feliz Nadal!

Dende 500P.com desexámoslles a tódolos veciños que desfruten dunha boa cea de Noiteboa e dun feliz Nadal na compaña da familia e seres queridos, permitíndonos pregarlle que teñan tino coas encherolas… tanto alcólicas coma de comida a esgalla. ¡Feliz fartura!

Feliz Nadal!
[Foto orixinal: TIO baixo licenza Creative Commons]

[Discapacitados visuais] Escoitar contido:

Polémica coa interpretación do Himno

Carta ó director publicada no xornal A Voz de Galicia no día de hoxe:

O pasado 20 de decembro tivo lugar no concello de Ponteceso o centenario do himno galego. Rapaces dos colexios máis próximos reuníronse na praza do Recheo para render tributo ao noso bardo coa lectura de diversos poemas, entre outras cousas. Todo parecía ir medianamente ben. O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, acercouse ata o lugar co propósito de participar na celebración. Un acto conmovedor, xa non só para os pontecesáns, senón para todos os galegos en xeral. Susana Seivane, gaiteira galega máis que coñecida por todos, fora convidada. Pois ben, todos esperabamos a súa célebre actuación e vaia sorpresa nos levamos. A artista “cantou” (por dicilo dalgunha maneira) o himno galego. Non se viu nin escoitou unha gaita por ningures e para máis cargouse as dúas últimas estrofas. ¡Qué vergoñento! Dese xeito bastabamos todos os pontecesáns para cantar e seguro que o fariamos con moito máis énfase e sentimento. Ese día, abriuse unha chaga na miña alma galega.

Cristina S. Rodríguez. PONTECESO

Vemos que é unha opinión  bastante espallada entre os veciños, xa o usuario susodebasilio viña a dicir pouco máis ou menos o mesmo neste portal. Pode olla-la polémica interpretación que do Himno fixo Susana Seivane na celebración do centenario no vídeo que gravamos e temos publicado con só premer aquí.

[Discapacitados visuais] Escoitar contido:

“Protestas en Tella”

Protestas en TellaComo moitas outras persoas ao longo da nosa democracia, formei parte da organización e participación de múltiples manifestacións, folgas e conflictos socio-político-laborais, en apoio de aquilo que cría de xustiza defender e procurando facelo dentro dun marco legal e transparente. Teño a certeza de que na gran maioría dos casos, cando se sae a rúa protestar, débese a motivos de auténtica magnitude, sempre provocados pola actitude dos poderosos. O concepto que teño destes é que fan uso e abuso dende o poder, son arrogantes, soberbios e carecen de todo principio humano -obviamente, coas naturais excepcións-.

Os políticos neste ránking atópanse á cabeza, pasan de ser o espello onde a sociedade debería reflectirse a ser como unha mancha que o salpica e ensucia todo. Uns non causan estrañeza, porque desde sempre están demostrando as súas dotes neste senso, os outros, despois de escoitar os seus pregóns e ver as súas actuacións, calquera calificativo é pouco para definilos. Por iso, cando un pobo como o de Tella ten a desgraza de sufrir a canallada de nos elevaren o nivel da estrada, deixando as nosas vivendas soterradas nun plano inferior ao do asfalto, con todos os prexuízos que eso entraña, ademais da merma do seu valor de mercado, non se poden facer unhas manifestacións de protesta na rúa tan de puntillas, educados e bos rapaces, como se tiveramos medo de ferir aos nosos políticos preferidos ou pensando que tal vez alguén se compadecería de nós. Defendemos os nosos dereitos, o noso patrimonio, polo tanto o paso debería ser firme e contundente, de acordo coa gravidade da situación, contra todos os badulaques, ata onde nos permita a lei, todo antes de deixalos pasar por riba das nosas propierdades.

No seu momento recordei aos presentes unha das reivindicacións máis importantes logradas neste pobo. Foi hai uns anos, coincidindo coas precampañas dunhas eleccións municipais. As condicións de habitabilidade do centro de EXB de Ponteceso, debido ao seu estado de deterioro e masificación, se fixeron insostible, urxía facer un novo edificio. Gobernaba na Xunta o PP, e no Concello o PSOE cando unha representación de pais solicitamos os primeiros contactos con eles. Nin nos miraban e non deixaron outra saída máis que as accións de protesta. Ás tres semanas de mobilizacións, a contratación do novo edificio escolar saíu publicada no BOE.

Aquí a clave estivo en que os pais e moitos máis cidadáns se solidarizaron e antepuxeron os obxectivos a calquera tipo de interese político, exercendo con toda clase política presente nas institucións as súas protestas de todo tipo.

Tal vez se fixeramos uso da memoria ou estiveramos máis atentos á nosa parroquia, en Tella, neste intre, en lugar de laiarnos, estariamos satisfeitos de impedir semellante atropelo e vilipendio, non poñeriamos entredito a quen cumpre co seu deber e, ademáis, conseguiriamos o respecto político presente e futuro, de cara a erradicar a marxinación que sofre este pobo.

Alberto Castro Lamas. PONTECESO

Carta publicada no día de hoxe no “Buzón del lector” do caderno local da Voz de Galicia que nos permitimos a licenza de publicar íntegramente.

Queda patente no pensar dos veciños que se cadra cunhas protestas máis enérxicas terían conseguido algo. Por contra, a día de hoxe teñen que tragar co mal menor da inoperancia dos políticos locais (dos tres partidos, sen escusas: PP, PSOE e BNG) ante o mal maior da mala idea dos políticos foráneos que han voltar nun futuro non moi lonxano co seu “bla, bla, bla” tentando confundir ós cidadáns de ben sobre feitos xa consumados na súa contra e na súa vontade.

[Discapacitados visuais] Escoitar contido:

Veciño de Tella: “Soamente me queda o voto”

Soamente me queda o votoAlgúns veciños de Tella estamos indignados coa actuación dos responsables da Consellería de Política Territorial. Mantivemos unha protesta educada e respetuosa dende o mes de marzo ata o mes de xuño por mor dunhas obras abusivas, chapuzas e lesivas para os intereses da nosa aldea. Despois desa liota polos nosos dereitos, os veciños logramos promesas públicas das autoridades, tamén de Caride, de que as nosas peticións, que lles parecían xustas, eran aceptadas. Non se subiría máis a cota da estrada e faríase unha senda peonil. Pese ás promesas, o pasado 5 de novembro, volveron as máquinas para poñer unha nova capa de aglomerado sobre as capas xa postas en sucesivas eleccións anteriores. Algúns veciños presentámonos a primeira hora na obra nunha última tentativa de disuadir a algún posible responsable da barbaridade que ían acometer. Lóxicamente non atopamos a quen convencer. Sós, non. Tamén estaban as forzas do orde. Inxenuos, nos pensamos que virían a protexer aos veciños de tamañas máquinas e de tamaño abuso. Sorpresa, as forzas do orde estaban para protexer ás máquinas das mans espidas duns cantos veciños que nos presentamos alí para repetir con palabras e coa nosa pacífica presenza o desacordo e a indignación que nos causa tal obra. En fin, a forza é a forza, ainda que sexa un garda civil cunha carpetiña debaixo do brazo.

Con estas situacións e en tempos de memoria histórica, a min revólveseme a memoria predemocrática e dende logo que ata o próximo maio terei boa memoria democrática. Está claro que os despachos están moi lonxe das eiras aldeás onde xogaban os pais ou os avós dos que agora deseñan estes regueiros de aglomerado que as ennegrecen. E eu non paro de preguntarme: ¿Soamente utilizando a violencia se conseguen resultados nas reivindicacións cidadáns? ¿Quén se encaprichou en subir a cota da estrada en Tella? ¿Por qué os políticos e os técnicos prepotentes que os asisten pensan que son donos da verdade e que os profanos nunha materia teñen que ser necesariamente bobos? ¿Por qué á hora da verdade, cando hai que estar, todos os políticos desaparecen? ¿Por qué as estradas son máis importantes que as persoas que viven na súa beira? ¿Por qué a seguridade viaria se basea sempre en que os coches poidan correr máis e mellor?

X.B.T. Veciño de Tella

Carta publicada no día de hoxe no “Buzón del lector” do caderno local da Voz de Galicia que nos permitimos a licenza de publicar íntegramente.

Calquera que se achegue á estrada poderá comprobar incontestablemente que nas beiras a cota se incrementou moito máis dos dous cetímetros asegurados, sobre todo nos lugares onde previamente non había firme.

Prema para ampliar

Prema para ampliar

Prema para ampliar

Prema para ampliar

[Discapacitados visuais] Escoitar contido: